Juan Carlos Sanmiguel: «Chegou o momento de cambiar o modelo das nosas feiras do libro»
A CORUÑA

Está ao fronte das librarías especializadas Alita e da libraría de vello O Moucho
21 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Juan Carlos Sanmiguel é un clásico dos veráns en Méndez Núñez. Poucos libreiros poden presumir de ter estado presentes en todas as feiras que alí se celebran cada agosto: a Feira do Libro, a Rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico e a Feira do Libro Antigo e de Ocasión. Sanmiguel si, tanto como xerente das librarías especializadas en cómic Alita como, máis recentemente, novo responsable da libraría de vello O Moucho. Foi ademais durante oito anos presidente da Federación de Libreiros e sempre está presente en toda actividade cultural que necesite un empurre: «Ter unhas feiras así é unha marabilla, unha gran librería ao aire libre, un paseo cultural no centro da cidade», di orgulloso.
—Para vostede agosto non é mes de descanso.
—Ademais este ano foi de moitísimo traballo, non só polas feiras, senón porque tocou tamén botar unha man na organización do Viñetas desde o Atlántico.
—Xuntouse moita xente para levar a cabo o salón do cómic trala marcha de Miguelanxo Prado.
—Era unha pataca quente que tivemos que coller a última hora para sacalo adiante. Pero tiñamos todos moi claro que había que facelo ben, que tiña que resultar perfecto. E foi algo moi emocionante, xuntámonos todos os que dalgunha maneira temos que ver co mundo co cómic na cidade. E agora xa temos unha plataforma que xa vimos que pode funcionar e que pode facer cousas máis grandes de cara ao ano que ven.
—Notouse a ausencia de Migulanxo Prado?
—Miguelanxo é o autor de banda deseñada máis importante que temos no país, e todos somos conscientes do traballo que desempeñou nestes 25 anos de Viñetas e o importantísimo legado que deixou. Por iso xuntámonos todos para sacar isto adiante, que non se perdese todo o conseguido neses anos de traballo.
—Satisfeito co resultado?
—Contamos con moi pouco tempo para preparalo todo, así que claro que hai cousas mellorables. Eu botei en falta, por exemplo, máis autores, e nomes máis potentes. Pero está claro que tampouco se podía facer tanto con tan pouca marxe.
—E cómo foi o tema das vendas nas casetas da Rúa da BD?
—Funcionou. Se houbo algún temor de que non se chegase a celebrar o Viñetas e por iso deixou de vir alguén, foi algo que tampouco notamos, porque a cidade está a rebentar. Pasaba cada día unha morea de xente de todos lados, e rematan picoteando nos nosos postos. No relativo a vendas podo dicir que, polo menos eu, puiden manter os niveis dos anos anteriores. Así que se somos capaces de facer un festival máis potente para os próximos anos, as vendas deberían de medrar tamén.
—Agora está na Feira do Libro Antigo ca libraría O Moucho. Como vai?
—Tamén hai moitas cousas mellorables. Por exemplo, o de poder montar un día antes. Ten en conta que facemos toda a montaxe e movemos a mercancía no domingo. E é algo imposible. Os xardíns están cheos de xente que xa se paraban e querían mercar libros e facer consultas. Pero moitísima xente. O domingo tiña que ser xa un día de vendas, creo que esta é unha demanda histórica. E polo demais, é certo que a feira de vello é un pouco punki, vai por libre e ao mellor tiña que estar todo un pouco máis coteado.
—A nosa Feira do Libro considérase unha das máis importantes de España. Cómo a ve vostede?
—É un luxo ter una feira así, pero pode mellorarse moito. A Federación de Libreiros ten que traer a autores que movan á xente, que fagan cola para que lles asinen, como pasou cando veu Ibáñez, o de Mortadelo, á feira. Non pode ser que os autores veñan unicamente convidados polas librerías ou as editoriais. Dende a organización teñen que facer unha aposta forte por traer a eses escritores.
—Pero todo iso terá un custe...
—Sen dúbida, haberá que revisar os orzamentos ou pedirlle ao Concello que se ocupe de traer aos autores. E si se pide maior financiamento ao Concello, haberá que presentarlle algo que lles convenza. Xa leva moitos anos así e creo que chegou o momento de cambiar o modelo da feira. Este mesmo ano demostrouse co tema de Viñetas que se poden facer cousas diferentes. A Coruña precisa destes eventos culturais, son xa parte fundamental da súa imaxe. E temos que loitar para que siga sendo así e que mellore.
«Hai un rexurdir, están abrindo novas librarías de segunda mano na cidade»
A pesar de toda a súa experiencia ao fronte de tres librerías Alita —dúas na Coruña e unha en Santiago— Sanmiguel está dando os seus primeiros pasos no mundo do libro de vello tras adquirir a libraría O Moucho.
—Parece que colecciona librarías.
—É que me encanta, son un apaixonado e non o podo evitar, remato involucrándome en todo o que teña que ver cos libros. E agora, ademais, hai como un rexurdir das librerías de vello. Están abrindo novas librerías en distintos puntos da cidade e xa teñen pedido participar na feira. E iso é sempre unha boa nova. A min, xa como cliente, sempre me gustaron moito as librerías de segunda mano, eran como covas na que atopar un tesouro.
—Fíxose con todo un referente.
—Todo un clásico do libro de vello. Levaba máis de corenta anos de historia na cidade e ía pechar. Non o podíamos permitir. Neste ano houbo unha grande resposta por parte do público, porque todos temos pasado algunha vez polo Moucho. E iso que foi un ano no que pasounos de todo: unha inundación, tivemos que facer unha reforma da terraza... E iso deixounos un pouco parados. Pero está o meu compañeiro Chechu tomando as rendas do tema e a pé de rúa na feira.
—Atopou tesouros no Moucho?
—Coa librería pechada empecei a botar unha ollada a todo o que había e calculei que poderían ser uns 80.000 volumes. E entre eles moitas xoias. E unha auténtica tolemia. Ademais, Moncho Basanta, o pai do Moucho, é un amor, pero tamén é un desastre no tema da organización, porque o ten todo claro na súa cabeza, pero iso non o pode transmitir ao que ven detrás. Ou accedes ao seu cerebro ou non atopas un título.