Ramón Pernas: «"Senza Fine" é unha obra de amor e desamor, de memoria e de nostalxia»
A CORUÑA
![Ramón Pernas](https://img.lavdg.com/sc/PL3ajdbDklxSrs_C-enPYSK4bRA=/480x/2023/11/29/00121701290761611837895/Foto/H_20231129_203657000.jpg)
O escritor viveirense participou na Fundación Luís Seoane, na Coruña, nun encontro literario para presentar a súa nova novela
30 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Ramón Pernas (Viveiro, 1952) é unha figura polivalente onde as haxa. A súa prolífica carreira e unha extensa obra literaria conferíronlle o privilexio de ser galardoado con diversos premios. O máis recente, o José Luis Alvite da Asociación de Xornalistas de Galicia. A súa última novela, Senza Fine, acaba de ver a luz.
—Xornalista, escritor, columnista... quédalle algunha faceta literaria por conquistar?
—O certo é que non. Son un privilexiado por poder adicarme a isto durante tanto tempo. Para min escribir é vivir, e estou moi agradecido pola oportunidade de contar historias que caen tan preto da casa. Só espero continuar o tempo que me quede.
—Este mércores participou nun encontro literario na Fundación Luís Seoane da Coruña para presentar o seu novo libro, «Senza Fine». Que nos pode adiantar?
—É a miña duodécima novela. Nela fago unha especie de antoloxía da miña obra previa. Conta a historia dun home que ten que vender a casa familiar e se ve asolado polos recordos da infancia e da xuventude. Pero se tivera que definila brevemente diría que é unha historia de amor e desamor, que se consolida para logo frustrarse.
—O relato volve estar ambientado no seu Viveiro natal?
—Si. Hai tempo creei un espazo propio, Vilaponte, que está a medio camiño entre realidade e ficción, con esa luz máxica que pretende representar a cidade do Landro na que me criei e que tanto me acompañou todos estes anos.
—Por que decidiu bautizar dese xeito a súa novela?
—Senza Fine é o título dunha canción dun artista italiano, Gino Paoli, que lla dedicou á súa amante, Ornella Vanoni. Penso que captura á perfección o sentir que eu quería transmitir coa miña novela. Porque foi tamén unha historia de amor frustrado. O que puido ser e non foi.
—En que se diferencia Senza Fine do seu anterior repertorio literario?
—Realmente segue a estela da miña obra previa. É bastante fiel ás miñas orixes. Considero que é unha historia honesta, de amor ó pobo, unha segunda patria vital que mistura memoria e nostalxia.
—Poderíase dicir entón que é unha historia autobiográfica?
—Creo que todas as historias son, en certa medida, autobiográficas. Teñen unha base emocional da vida desexada. É dicir, baséanse na propia realidade dos autores, pero van máis alá. Son o resultado da eterna cuestión: como che gustaría que fose a túa vida? plasmada nas páxinas.
—Que outros temas aborda?
—Pois ademais do amor e o desamor, ese sentimento compartido universalmente, tamén as lembranzas do pasado e como se materializan nas personaxes. Do mesmo xeito, é unha novela xeracional, que profundiza nas relacións familiares con gran introspección.
—Como valora as conversas literarias como o ciclo Somos o que lemos da Fundación?
—Estou moi agradecido de poder participar nelas. Gústame moito estar en contacto cos meus lectores, grazas a eles e á súa fidelidade sigo escribindo. Un dos maiores problemas dos autores é o noso ego, por iso nos gusta tanto conversar coa xente que nos le e nos apoia.