Un milleiro de nenos reivindican na Coruña o uso do galego no Correlingua

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

corre
cedida

Rapaces de 17 centros de ensino percorren o paseo marítimo ao son do idioma

11 may 2024 . Actualizado a las 14:52 h.

Os nenos da Coruña saíron á rúa este venres para reivindicar o uso da nosa lingua, do galego. A XXIV edición do Correlingua, que se desenvolveu entre a explanada do Palacio dos Deportes e a contorna da torre de Hércules, reuniu un milleiro de rapaces.

O obxectivo desta xornada é o fomento do uso da lingua galega entre as xeracións máis novas, algo que se estende ao resto do ano con diferentes iniciativas levadas a cabo nos centros de ensino. «Estamos todos aquí por un obxectivo común: amosar o noso compromiso pola lingua galega, un patrimonio de valor incalculable e que debemos coidar con agarimo desde que somos pequenos», sinalou o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, xa que o Concello da Coruña también participou na festa.

corre

O edil puxo en valor o fomento que fai o goberno local do galego a través de diferentes iniciativas e medidas, como a aprobación dunha ordenanza que regula o seu uso no eido institucional. Na xornada participaron un milleiro de alumnos e alumnas de 17 centros de toda a comarca da Coruña, procedentes dos concellos de Arteixo, A Laracha, Cambre, Bergondo, Cabana de Bergantiños, Carral, Cerceda e Oleiros, ademais da propia cidade.

O XXIV Correlingua leva por lema «Dende aquí até acolá, galego xa!» e conta cun cartel realizado pola ilustradora Xulia Pisón. As persoas participantes percorreron a pé o paseo marítimo, onde se instalou un escenario no que se desenvolveron actuacións para todas as idades e se entregaron distintos premios.