A Deputación da Coruña convoca as Residencias Artísticas Mariñán 2025

La Voz BERGONDO

A CORUÑA

atr

Cultura seleccionará catro proxectos de música e outros catro de literatura e pensamento

27 ene 2025 . Actualizado a las 13:06 h.

 As Residencias Artísticas Mariñán, un dos programas do departamento de Cultura da Deputación para o apoio á creación artística, chegan este ano á súa terceira edición. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este luns as bases dunha convocatoria que quere seguir reforzando propostas centradas non nas pezas ou nos resultados finais, senón nos procesos creativos, nun espazo singular, como é o pazo de Mariñán, e poñendo a disposición dos participantes todos os medios para desenvolveren os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións.

Seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento, nos que as aspirantes poderán traballar no pazo de Mariñán entre 31 de marzo e o 11 de abril. No caso das residencias musicais, as estadías dividiranse en dúas quendas: as dúas primeiras propostas, do 31 de marzo ao 5 de abril, e do 6 ao 11 de abril as outras dúas.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación da Coruña (SUBTEL). O prazo estará aberto do 28 de xaneiro ata 14 de febreiro. As bases da convocatoria poden consultarse e descargarse no BOP do 27 de xaneiro.

 «Coas residencias de música», explica a deputada de Cultura, Natividade González, «queremos promover o desenvolvemento da produción musical galega desde unha ollada contemporánea e consciente; establecer un contexto de acompañamento e formación para mellorar a viabilidade e a profesionalización das producións, e crear sinerxías con outras residencias e programacións para fomentar o intercambio de propostas e artistas e mellorar a proxección das producións». «E coas residencias de literatura e pensamento», engade, «buscamos fornecer as condicións favorables para intensificar o proceso de creación literaria e o pensamento en contextos de traballo e aprendizaxe comunitarios».

Durante a súa estadía, as creadoras e creadores terán á súa disposición un espazo de traballo no pazo de Mariñán, en Bergondo, con varias estancias de diferentes características adaptadas ás necesidades da creación e a formación; aloxamento en habitación de uso individual, en réxime de pensión completa no pazo; acompañamento e seguimento da proposta por parte da persoa comisaria das residencias durante a estancia no pazo de Mariñán, co fin de facilitar a viabilidade do proxecto (e a súa inserción no contexto musical profesional, no caso dos proxectos musicais); tamén visitas e reunións con outros axentes culturais e programadores como apoio á continuidade da proposta dentro dos circuítos musicais.