O conflito lingüístico de Transportes con Arteixo entra no Congreso

La Voz ARTEIXO

A CORUÑA

Néstor Rego é o voceiro do BNG no Congreso dos Deputados.
Néstor Rego é o voceiro do BNG no Congreso dos Deputados. CEDIDA

Dende Madrid reclamaran ao concello unha documentación en castelán. «Asegurará que nos futuros trámites se garanta a posiblidade de facer alegacións en galego?», pregunta o deputado do BNG, Néstor Rego

07 feb 2025 . Actualizado a las 14:25 h.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiu ao Goberno unha pregunta relativa aos requirimentos de tradución de documentación remitida polos concellos galegos. Recentemente, La Voz publicou o caso dun informe remitido polo Concello de Arteixo pero a Administración local recibiu como resposta do Ministerio de Transportes que lle fora formulada a petición en castelán, xa que o galego podía xerar dúbidas.

«Alegan que a necesidade de tradución débese a que, en galego, os documentos son inintelixibeis e poderían producirse erros de comprensión», lamenta o deputado nacionalista, que lembra no seu escrito que «o ministerio posúe medios materiais e humanos para realizar a tradución da documentación que considere necesario». E engade que as delegacións do ministerio en Galicia «teñen a obriga de recibir e presentar a documentación tramitada en galego, e que poderían encargarse, de ser necesario, da tradución»

Rego cita a Carta Europea das Linguas Minoritarias, feita en Estrasburgo en 1992 e publicada no Estado español no 2001, que establece a obriga para os países membros de  «velar porque as autoridades administrativas empreguen as linguas minorizadas».

A continuación, pregunta ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible por que non procede a traducir os documentos, así como se dispón de medios e persoal nas delegacións galegas «con capacidade e aptitude suficientes para a tramitación de documentación en galego». «Asegurará que nos futuros trámites de exposición pública se garanta a posibilidade de presentar na Galiza alegacións en galego? Dará o Goberno as instrucións para que non volvan a introducirse clásulas que prohiban a presentación de alegacións en galego?», conclúe Néstor Rego.

Paralelmente, o BNG tamén presentou este conflito no Parlamento de Galicia. «Que medidas está a adoptar a Xunta para que cesen por parte das autoridades administrativas do Estado os reiterados agravios á lingua galega e ao seu emprego por parte das interaccións cos concellos galegos?», preguntan nun documento presentado por Mercedes Queizas, Iria Taibo e Daniel Castro.