
O certame alcanzou nesta 28 edición a cifra récord de 100 obras presentadas
09 may 2025 . Actualizado a las 11:41 h.Especies invasoras é o título da obra coa que Branca Trigo Cabaleiro (Vigo, 1997) se alza co Premio de Poesía Concello de Carral. O certame contou nesta 28 edición cunha participación récord de 100 obras. O xurado, presidido polo alcalde Javier Gestal e co técnico de Cultura Carlos Lorenzo como secretario, estivo composto tamén por Silvia Penas, gañadora da edición de 2024; Armando Requeixo, crítico e investigador literario; e Antía Marante, poeta, tradutora e docente. O xurado decidiu por unanimidade outorgar o premio a Especies invasoras, presentada baixo o lema Magma, do que dixeron que é “un libro de poemas que explora de xeito radical a identidade, o desarraigo e a violencia estrutural”, facendo emprego da metáfora da invasión biolóxica para abordar temas como o corpo, a casa e a memoria.
Destacouse a súa estrutura fractal, a forza imaxinativa e a capacidade para fundir o íntimo e o colectivo nunha linguaxe poética profundamente innovadora e transgresora. O premio está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra por parte da editorial Espiral Maior. A entrega oficial do galardón terá lugar o venres 30 de maio na Casa da Cultura de Carral, nun acto no que tamén se presentará o libro A pel do exilio de Silvia Penas, gañador da edición anterior. Trigo Cabaleiro é poeta, editora e dinamizadora cultural. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, centrada na monstruosidade queer dentro da Poesía galega contemporánea.