A Coruña celebra ás cantareiras na xornada previa ao Día das Letras Galegas 2025

Alejandro García Chouciño
a. g. chouciño A CORUÑA

A CORUÑA

Para este 17 de maio están programados na cidade concertos gratuitos de Ortiga, Ulex, Xacarandaina, Zavala e Sophie Simonds, entre outros

16 may 2025 . Actualizado a las 17:30 h.

Na véspera do Día das Letras Galegas, a cidade da Coruña converteuse este venres nun espazo de recoñecemento á poesía oral e á tradición musical galega, coa celebración do acto institucional organizado polo Concello para homenaxear ás cantareiras, protagonistas da edición 2025 segundo a Real Academia Galega. A homenaxe personificouse en sete mulleres cun fondo vínculo coa cidade: Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia Garrido e Asunción Garrido.

O acto celebrouse na praza de María Pita, presidido pola alcaldesa Inés Rey, quen destacou o papel fundamental destas mulleres como transmisoras da cultura popular e da lingua galega a través da música: «Na véspera dese día tan especial, celebramos na Coruña este recoñecemento a mulleres que durante xeracións foron transmisoras da cultura popular, da lingua e da historia colectiva». Para perpetuar a memoria das homenaxeadas, anunciouse a instalación de tres placas conmemorativas en puntos significativos da cidade: no número 22 de Alcalde Lens (en honra a Rosa e Adolfina Casás), no cemiterio de San Pedro de Visma (Eva Castiñeira) e no número 2 da praza de María Pita (para as Pandeireteiras de Mens, que ensaiaban alí coa Asociación Folclórica Aturuxo).

Familiares das homenaxeadas como Juan José Alvite Castiñeira, Carlos García Casás e a presidenta de Aturuxo, Isabel García Quintela, tamén tomaron a palabra. O evento contou coa interpretación do Himno de Galicia por parte do gaiteiro Álex Ruíz, así como unha actuación das pandeireteiras da Asociación Cultural Donaire. A alcaldesa animou á cidadanía a participar na ampla programación cultural que terá lugar durante toda a fin de semana, con concertos, teatro, pasarrúas e actividades en distintos espazos da cidade. Rey subliñou o valor das asociacións culturais da cidade e cualificou esta edición como «a mellor programación das Letras que se fixo nunca na cidade».

Axenda de actos Día das Letras Galegas 2025 na Coruña

Venres 16 de maio

  • 18.00 horas | Praza do Humor — Culturactiva producións presenta Máis saaabor!
  • 18.00 | Pasarrúas desde a praza de Lugo á praza José Sellier — Espadana tradicional con cabezudos
  • 19.30 | Praza de San Andrés — Galeatro presenta Muiñada
  • 21.00 | Teatro Colón — Concerto de Treixadura
  • 22.30 | Xardíns de Méndez Núñez — Foliada con Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Donaire, Maghúa, Son d’Aquí, Espadana e Contiños da Feira

Sábado 17 de maio (Día das Letras Galegas)

  • 11.00 | Galgo Azul — Vermut Corufest 2025: presentación do libro O cento voando con Ánxela Lema e concerto de Sophie Simonds
  • 12.30 | Praza de Azcárraga — Dúo Cro-Cró con Pava
  • 12.30 | Praza do Humor — Lydia Botana presenta A feira das linguas
  • 13.00 | Praza José Sellier — Pulpiño Viascón con Dallecopé
  • 17.30 | Xardíns de Méndez Núñez — A.C. Son d’Aquí e A.C. Xacarandaina
  • 18.00 | Praza do Humor — Contos a pé de rúa con Caxoto
  • 19.30 | Praza de San Andrés — Artefacto producións presenta Dúo Vaguedades (Isabel Risco e Fran Rei)
  • 21.00 | Campo da Leña — Concertos de Zavala, Atalaias de Caión, Ulex e Ortiga