A festa da lingua segue a encher rúas, teatros... e templos

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Aturuxo adicou a gala do seu 70.º aniversario no Teatro Rosalía ás pandeireteiras.
Aturuxo adicou a gala do seu 70.º aniversario no Teatro Rosalía ás pandeireteiras. Marcos Míguez

O Rosalía, por dentro e por fóra, acubillou actos das Letras

18 may 2025 . Actualizado a las 21:25 h.

Este ano, a Festa das Letras vense estendendo máis que os pasados, coma os ecos das pandeireteiras homenaxeadas, e os actos para campar da lingua aínda seguen. Este domingo foron moitas as actividades que se salpicaron ao longo de toda a xornada. Entre elas, dúas que tiveron o Teatro Rosalía de Castro —quen mellor reivindicando o galego— como escenario principal, por dentro e por fóra. 

O obradoiro da A.C. Alexandre para aprender os cantos das pandeireteiras xuntou a numeroso público ante o Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
O obradoiro da A.C. Alexandre para aprender os cantos das pandeireteiras xuntou a numeroso público ante o Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

A media mañá, os soportais do teatro, moi preto de onde hai 109 anos naceron as Irmandades da Fala da man de Antón Vilar Ponte, acubillaron a xuntanza central, aberta e participativa, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. En colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, houbo lectura de poesía e cantos populares, así como un obradoiro dirixido por Marta Pumares para aprender tres pezas de Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos, e as Pandeireiteiras de Mens, Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.

Primeira misa en galego da igrexa ortodoxa de San Juan Crisóstomo, na Coruña.
Primeira misa en galego da igrexa ortodoxa de San Juan Crisóstomo, na Coruña. Marcos Míguez

Horas despois, ás sete do serán, as mesmas mulleres que preservaron a tradición oral convertida en arte viva de xeración en xeración foron tamén as protagonistas dun aniversario non pequeno. A Agrupación Folclórica Aturuxo dedicoulle a elas a gala do seu 70.º aniversario nunha festa con Follas Novas e Pandeireteiras de Encrobas. Bo peche para unha xornada na que en galego tamén se rezou, e por primeira vez na historia, na misa da igrexa ortodoxa San Juan Crisóstomo.