Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico: «O meu propósito é desestacionalizar e facer máis internacional o festival»

FErnando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Manel Cránedo, director de Viñetas desde o Atlántico, el salón del cómic de A Coruña
Manel Cránedo, director de Viñetas desde o Atlántico, el salón del cómic de A Coruña CÉSAR QUIAN

Hoxe se inaugura o salón do cómic, polo que pasarán máis de 70 artistas

11 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Intentar debullar un programa tan cheo de cousas como o de Viñetas desde o Atlántico nunha breve entrevista é misión imposible. E máis se o que resposta é Manel Cráneo, director do festival, ao que lle pode a paixón. É capaz de estar falando dun autor durante horas. Sirva simplemente o dato de que hoxe se inaugura na Coruña o certame e que estará ata o domingo recibindo convidados que irán pasando polos espectáculos que se van facer no Teatro Colón a modo de show televisivo nocturno.

—Que nos depara esta edición do Viñetas?

—En total van pasar por aquí máis de setenta artistas, contando cos que estarán firmando na Rúa da BD. Faltaba potenciar iso, programalo dalgunha maneira, porque moita xente non coñecía todo o que había. Tiñamos que mimar iso un pouco máis, que son debuxantes que veñen con pequenas librarías especializadas e editores que veñen de fóra.

—Cales son os retos actuais aos que se enfronta o festival?

—Se ven falando dende hai anos de que estaría ben abrir o programa de Viñetas máis aló da propia semana da feira. Quedaban as exposicións todo e mes e pouco máis. Pero queremos facelo mellor. De feito xa temos un ciclo chamado Viñetas Inclusivas, relacionado con temas sociais, que o celebraremos en novembro. Ese é o meu propósito fundamental, a desestacionalización do festival. E, por outro lado, algo que se fixo moi ben na etapa anterior pero que foi caendo por problemas orzamentarios, que é internacionalizar o Viñetas. E para iso este ano abrimos o festival a financiamento. Se non chegan os cartos, haberá que buscalos fóra. Ademais do Concello temos o apoio da Deputación, da Xunta e de Estrella Galicia. Sen iso sería inviable manter un festival desta envergadura. Por iso buscamos compañeiros de viaxe, ca idea de colaborar e construír algo entre todos. Como a exposición de Cristophe Blain no Fórum Metropolitano, que é froito dunha colaboración coa embaixada de Francia e a Alianza Francesa.

—Xa temos visto algo deste Viñetas: a exposición de Quino, o pai de Mafalda, que se inaugurou fai un mes.

—Trouxemos cen orixinais desde Arxentina e viñeron á inauguración Guille Lavado —o sobriño de Quino no que está baseado o personaxe de Guille, o irmán de Mafalda— e o seu irmán. A Coruña foi a porta de entrada desta exposición en Europa e despois percorrerá outras cidades como Vigo e ata queren levala ata Angulema.

—Entre as notas internacionais está o canadense Dave Cooper.

—É un autor que traballou con Matt Groening, o dos Simpsons, na creación de Futurama. E na súa exposición na Casa Picasso veremos, por exemplo, os bosquexos orixinais que fixo para a película nova en 3D dos Pitufos ou para Trolls. Pero, sobre todo, veremos o seu traballo orixinal, incluso obras que aínda non foros editadas en España. Ten unha técnica de traballo incrible, debuxa con lapis e parecen acuarelas, e o fai sobre un papel que non é tal, porque non está feito con celulosa, no que estivo investigando anos.

—Outro grande protagonista desta edición é, claro, Castelao.

—Temos recompilado practicamente todas as historietas dispersas de Castelao, o que podemos considerar protocómics, porque non son unha soa viñeta, senón que hai unha narración secuencial. E iso o publicamos cuns artigos de Siro López e Rosario Crespo. Abrimos así a porta á investigación sobre os pioneiros do cómic. E logo está a exposición sobre cómo se fixo a biografía de Castelao en viñetas de Inacio e Iván Suárez.

—Este ano repiten o formato de dividir o programa por seccións.

—É que resultou moi ben. Se tes nenos, vas a Viñetas Mini en Palexco, e se es un profesional vas a Viñetas Pro, onde hai charlas especializadas e revisión de portafolios. Esta división axuda a que a xente se sitúe e aproveite máis o festival. Todo é pensando nos diferentes públicos que temos e os novos que podemos atraer.

—Ata teñen un apartado gastronómico.

—Empezamos o ano pasado con catro establecementos que se apuntaron e este ano xa temos unha ducia. É unha convocatoria aberta para todo aquel que queira participar, so hai que pensar nun prato dedicado a un personaxe de cómic.

«Xa era boa hora de reivindicar a Víctor Coyote, é un autor incrible»

Viñetas conta coa súa propia banda sonora, interpretada polo grupo coruñés Cloaca, nunha edición dedicada á estreita relación entre o cómic e a música na que contan con ilustradores que tamén son músicos, como Víctor Coyote: «Xa era hora de reivindicar a Víctor, que é un autor incrible», apunta Cráneo.

—Que outros artistas multidisciplinares veñen a Viñetas?

—Temos a Fermín Solís, cunha exposición sobre Astro-ratón, pero que ademais vai facer unha colaboración co Autobán, onde tocará coa súa banda de tecno pop Hombre Tigre. E temos a Don Rogelio J, un autor de Valencia, que vai pola onda do rockabilly e o punk, que tocará hoxe pola tarde na carpa. Tamén están Clara e Olivia Cábez, autoras de Cols, que sacan o seu primeiro libro agora, tras anos traballando en fanzines. Son a representación do que é Malasaña a día de hoxe en Madrid. E farán unha sesión de pinchadiscos na Mardi Gras, con música dos 50 e 60. Ou Miguel B. Núñez, un dos autores máis prolíficos da actualidade e os seus libros sobre o heavy metal. E, por suposto, Magius, Premio Nacional de Cómic, e a súa historia do black metal, cargada de humor negro.

—E tamén está todo un referente como é Carlos Azagra.

—É todo un clásico, o pai de Pedro Pico e Pico Vena. Ven coa súa muller, Encarna Revuelta, que é quen leva anos poñendo color aos seus cómics. Son a parte máis punki e reivindicativa do festival.

—Por último, que é iso do ScanMeNow que teñen en Palexco?

—Xurdiu grazas a unha colaboración con Mundos Digitales. É un aparato que ten 120 cámaras que che sacan unha foto en 3D na que podes retratarte cos personaxes do cómic e levalo no móbil. E de balde, claro.