A gran dama da música galega viaxou ás súas raíces da man do público de María Pita

Uxía R. Méndez / R. S. A CORUÑA

A CORUÑA

Eduardo Pérez

Uxía Senlle inaugurou a súa xira «Será por flores» acompañada de artistas amigos, como Quim Farinha, Rosa Cedrón, A Pedreira, Devacas ou Budiño

14 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha viaxe ás entrañas da identidade galega, e facendo un percorrido polas súas composicións propias e músicas que a inspiraron, Uxía inaugurou a súa xira «Será por flores» na praza de María Pita, unha festa en honor aos 40 anos que leva sobre os escenarios. Mediante unha posta en escena coidada, chea de flores e cor, que estivo a cargo de Carlos Alonso, o espectáculo buscou reflectir a evolución constante da artista, mantendo a súa liberdade creativa e explorando novas formas musicais e escénicas.

Aínda que se fixo esperar un cuarto de hora, o público estaba decidido a disfrutar do recital e por iso non dubidaron en animala a saír con aplausos. Con rosa en man, a cantante de Mos fixo a súa aparición cantando a capela o tema Minha missão, sumindo a praza de María Pita nun sepulcral silencio, roto unicamente polos acordes da guitarra. María Xosé e Carlos xa non era a primeira vez que a vían en directo: «Ten unha voz marabillosa, que encandila, fai maxia con esas cordas vocais»,

Xa acomodada, Senlle interpretou o tema Será por flores, que dá nome á súa xira. «Boa noite, que pracer estar en María Pita, na cidade na que pasei os mellores anos da miña vida. Moitísimas grazas por vir a celebrar os meus 40 anos na música», expresou entre aplausos e clamores, para despois apelar á gran Rosalía de Castro.

No recital houbo oco para a memoria. Uxía interpretou o tema Bos amores, dedicado ao lembrado Francisco Xavier Pérez Vázquez, Narf, co que compuxo o disco Baladas da Galiza imaxinaria.

A frauta de Budiño

Co gaiteiro Xosé Manuel Budiño á frauta, a cantareira creou unha atmosfera máxica nunha praza que ficaba en silencio durante a interpretación da fermosísima Alalá das Mariñas, coa que a máis de un se lle escaparon as bágoas. Nun percorrido pola música que marcou a súa traxectoria, Uxía interpretou temas como Rien de rien ou Los ejes de mi carreta do arxentino Atahualpa Yupanqui, cos que colleitou os aplausos máis fervorosos do público.

Nesta primeira toma de contacto, Uxía non estivo soa. Acompañárona numerosos artistas amigos que tamén foron fonte de inspiración para ela. Polo escenario da praza do Concello pasaron nomes da música galega, portuguesa e arxentina como Luiz Caracol, Clara Cantore ou A Pedreira.

A cantante e pregoeira das festas de María Pita 2025, Rosa Cedrón, fixo acto de presenza acompañada das Tareixas, o dúo composto por Omara e Román, dous pequenos artistas que acompañaron ás cantantes e roubaron o corazón dun público que soubo agradecelo. Outros artistas como Quim Farinha, Devacas ou As Mosas acompañaron a Senlle no seu percorrido vital e musical.

O recital estendeuse ata a medianoite cun público enfeitizado baixo o son da Galicia tradicional, mais tamén da fusión con outros sons contemporáneos e do mundo latino e lusófono, da poderosa voz da gran dama da música galega, Uxía Senlle.

Hoxe, Locos por la música

Hoxe a música continuará da man de artistas reunidos no marco do ciclo Locos por la Música. Os asistentes gozarán dunha velada con grupos de distintas épocas como Nacha Pop, Cómplices, No me pises que llevo chanclas, Melocos, Javier Ojeda (Danza Invisible), Soraya Arnelas, La Poptelera e DJ Cherry Coke.