Lois Vilar: «Coas pedras e a auga pódese contar a historia e a maxia do Xalo»

Dolores Vázquez CULLEREDO / LA VOZ

A CORUÑA

Lois Vilar, que presentou o seu libro no Castelo Conta, naceu en Sueiro e ten unha especial relación coa contorna do Xalo.
Lois Vilar, que presentou o seu libro no Castelo Conta, naceu en Sueiro e ten unha especial relación coa contorna do Xalo. Aigi Boga

Vén de presentar unha obra que explora a vertente norte dun fito da orografía da bisbarra no que conflúen catro concellos 

11 sep 2025 . Actualizado a las 10:46 h.

Lois Vilar Hermidas (Sueiro-Culleredo, 1957), con formación de biólogo e profesionalmente cámara de televisión, é un referente na bisbarra no que el denomina sabedoría popular e espállaa para que non se perda. «Sempre fun un romántico e pouco pragmático», di. Con parte da súa investigación vén de publicar, cunha coidada edición e por encargo dos responsables do Castelo Conta, O Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico. Xa tiña publicada a historia de todas as parroquias de Carral.

—Di que o seu é falar coa xente.

—Comecei a recoller cultura popular do Xalo e arredores hai máis de 30 anos. Dende lendas, ritos curativos, predicións antigas do clima, albeitería e toponimia, e tamén investiguei moita documentación. A cultura popular é moito máis científica do que a xente pensa.

—Que recolle o libro?

—Non todo o Xalo, senón a vertente norte: Carral e Culleredo. Faltan A Laracha e Cerceda. Baséome en límites antigos, hoxe cambiados, aparecen un montón de pedras que agora están na Laracha ou en Cerceda, e que son moi importantes. Tamén recollo pedras da base do Xalo que teñen moito interese.

—Que teñen de singular as pedras do Xalo?

—Antes a xente coñecía o nome de todas e cada unha tiña unha función diversa. Usábanas para un montón de cousas, tiñan funcións sanadoiras para enfermidades humanas e do gando, habíaas para empreñar, outras predicían o clima e aventaban a auga, pero tamén habíaas malladoiras, usadas como terreos de xogo e incluso pedras-reloxo, ou cociñeiras. Tamén hai as do alén, que permiten a relación entre o mundo interior e o exterior, e as abaladoiras. Alí xorden moitas lendas de mouros, mouras, xigantes...

—Os penedos marcan a importancia do Xalo?

—Coas pedras e a auga pódese contar a historia e a maxia do Xalo. Tamén recollo fontes e brañas, porque hainas menciñeiras e incluso había quen practicaba alí o bautismo anticipado, que agora pode resultar curioso. Marfany Vilarassau estudouno e cita pedras e santuarios prehistóricos. Dende longo alí tivo que haber rituais de sacrificio. Ten unha grande riqueza antropolóxica e etnográfica.

—Que ten de especial?

—É un monte bastante mítico. As pedras forman parte dos monumentos que houbo ao longo da historia. Só na vertente norte quedan vestixios de 15 medoñas, uns seis castros, hai castelos moi unidos á época medieval, aparece unha igrexa da época moderna, e sete pedras con petróglifos, aínda que pode haber máis, e tamén pedras habitadas, algunhas dende o megalitismo. Aínda hai 80 anos había xente que vivía nas pedras do Xalo.

—Tipo cova?

—Había dende delincuentes ata xente pobre. Na Guerra Civil foi acubillo de guerrilleiros, tamén de bandoleiros que asaltaban a zona.

—Que tal está conservado?

—Fatal. E agora cos eólicos e unha balsa preténdese, nos límites entre Carral e Ordes, que a destrución sexa total, pese a que ten un valor ecolóxico fundamental. Ninguén protexe ao Xalo.