O Concello da Coruña abandona o mantemento dos colexios públicos

Antonio Leonardo Pastor TRIBUNA ABIERTA

A CORUÑA

A asociación de directores denuncia que hai centros que levan máis dun ano para cambiar un tubo fluorescente

16 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Directores/as de Centros Públicos de Infantil e Primaria da Coruña alza a voz ante o lamentable estado no se encontran os centros escolares da cidade, feito provocado polo escaso mantemento dos mesmos. A asociación leva xa dende o anterior mandato do PSOE na cidade manifestando en múltiples reunións a falta dun mantemento adecuado. Problemas como goteiras, avarías nos sistemas de calefacción, baños que se pechan por culpa dunha perda de auga ou deficiencias na iluminación se converteron nunha constante en todos os centros escolares da Coruña, xerando precariedade nas instalacións.

O principal motivo desta situación é a tardanza na resolución das incidencias reportadas, que nalgúns casos poden tardar varios meses en ser atendidas. Estamos a falar dunha media de seis meses para atender unha incidencia menor como pode ser o cambio dun fluorescente de iluminación ou o arranxo dunha persiana. Hai centros que levan máis dun ano para cambiar un simple tubo fluorescente.

As queixas dos/as directores/as foron reiteradas, pero a resposta do Concello é insuficiente, sempre con largas e prometendo un novo contrato de mantemento, que mesmo chegaron a enviar á prensa, en febreiro, no que dicían que triplicaban o orzamento para este fin. Nada de nada, iniciado xa un novo curso.

A falta de persoal de mantemento é un feito claro, mais o problema agrávase cando os tres operarios que teñen que estar traballando nos centros non están. En varias reunións trasladamos ao Concello da Coruña que a empresa de mantemento envía aos operarios a outros sitios, como houbo casos nos que os enviaron a Zaragoza, Pontevedra ou Arteixo, e non pon un substituto para este traballador. Ao Concello este feito parece non importarlle, e tapa o feito de que a empresa adxudicataria non cumpra o contrato, porque isto pasa unha e outra vez.

Dende a asociación de directores/as da Coruña pensamos que é inadmisible que as instalacións dos centros escolares se encontren nestas condicións. Esiximos ao goberno local que tome cartas no asunto de inmediato, polo benestar do alumnado coruñés.

Soamente pedimos que se cumpra o convenio que teñen, Xunta e Concello, polo cal o concello faise responsable do mantemento dos centros escolares de educación infantil e primaria. Mentres tanto, os cidadáns seguimos esperando respostas e solucións. A pregunta é: ata cando deberán soportar o deterioro dos espazos escolares que son esenciais para a comunidade educativa? A paciencia parece estar chegando ao seu límite.

O Concello da Coruña ten nas mans a obriga e a responsabilidade de garantir o mantemento dunhas instalacións dignas e seguras para todo o alumnado coruñés.

Antonio Leonardo é presidente da Asociación de Directores/as de Colexios Públicos da Coruña e director do CEIP Curros Enríquez