O legado de Siro López xa forma parte do patrimonio cultural da Universidade da Coruña

A CORUÑA

CESAR QUIAN

Consiste en preto de 1700 volumes sobre artes plásticas como fonte de información sobre a evolución social e política de varios países a través do prisma do humor gráfico

10 dic 2025 . Actualizado a las 17:23 h.

A Biblioteca da Facultade de Filoloxía da UDC acolleu esta mañá o acto de entrega da doazón bibliográfica de Siro López á Universidade da Coruña, o cal contou coa participación do reitor da UDC, Ricardo Cao; o equipo directivo da facultade, e o propio artista, que estivo acompañado de numerosos compañeiros e amigos.

Cao agradeceu ao humorista a súa xenerosidade en favor da institución educativa, que velará pola conservación destes fondos transformándoos nun recurso accesible para a comunidade académica.

Este legado, consistente en preto de 1700 volumes sobre artes plásticas e unha colección hemerográfica, funciona como fonte de información sobre a evolución social e política de varios países a través do prisma do humor gráfico. Comprende desde publicacións esenciais españolas dos séculos XIX e XX (El Motín, La Codorniz, El Jueves) ata fondos dedicados a Galicia (El Barbero Municipal, Chan), destacando a obra de Castelao, así como revistas de Portugal (Sempre Fixe) e Hispanoamérica (Caras y Caretas), facilitando o estudo comparado das culturas satíricas transnacionais.

O Consello de Goberno da UDC aprobara a doazón deste legado bibliográfico do humorista e ensaísta galego en xuño do ano 2024 e en Consello Social en xullo dese mesmo ano. Agora xa forma parte da Biblioteca da Facultade de Filoloxía esta colección de publicacións que constitúen unha achega patrimonial e documental de gran calado para a investigación e os estudos culturais.