Hugo de la Iglesia, socorrista: «Somos os primeiros en actuar e tamén en levar as culpas»

Tamara Rivas Núñez
T. Rivas ABEGONDO

ABEGONDO

Hugo de la Iglesia, socorrista de la piscina municipal de Abegondo
Hugo de la Iglesia, socorrista de la piscina municipal de Abegondo CESAR QUIAN

Suma xa tres veráns velando pola seguridade na piscina de Abegondo e alerta da pouca conciencia que existe sobre os riscos na auga

08 ago 2025 . Actualizado a las 10:09 h.

Vixiar para evitar sustos e prever calquera perigo que poida xurdir son as tarefas principais que Hugo de la Iglesia (Abegondo, 2002) leva a cabo na piscina municipal do seu concello. «Boto unha man no que faga falla. Gústame que todo estea ben, recollido e limpo, e que se manteña o ambiente familiar que hai», recoñece. Estudante de Ciencias da Actividade Física e o Deporte en Santander, leva tres anos como socorrista en Abegondo.

—En todo este tempo, tivo que afrontar algunha situación grave?

—Por sorte, non. Algún pequeno apuro nos cursiños, cando de repente se lle escapa o churro a algún neno, pero pouco máis. E iso que temos moita xente todos os días.

—Cales son as incidencias máis habituais nas que ten que intervir?

—A maioría teñen relación cos nenos. Mira que os aviso de que non corran, pero non hai maneira. Son nenos e sempre hai caídas, pequenos golpes dentro e fora da auga, cortes ou feridas coas plaquetas ou baldosas… pero nada grave.

—Cando ten que chamar a atención por algún comportamento ou situación perigosa, que tal o toman os usuarios?

—Son de aquí e xa me coñecen. Hai que saber levar á xente. Pero á hora de chamar a atención ou avisar de comportamentos inapropiados, funciona mellor cando o fas cun ton firme, aínda que ás veces custa un pouco poñerse serio.

—Os pais deixan de vixiar o que deberan aos fillos cando hai un socorrista?

—Moitos pensan que son o canguro dos nenos [ri]. Pero teño que vixiar para que non pase nada dentro da auga. Fóra dela non podo coidar deles como se fosen os meus primos. Por moito ambiente familiar que teñamos, isto é un traballo.

—Hai unha recomendación para os pais que di que hai que mirar para a auga cada dez segundos e asegurarse de poder chegar ao neno en caso de perigo en menos de vinte. Son coñecedores os pais de normas como esta?

—Deberían ser moito máis conscientes das situacións de perigo que poden xurdir. Moitas veces, se os pequenos xa saben nadar, déitanse a tomar o sol e quedan tranquilos. Cando non saben, están máis pendentes. Os menores de seis anos non se poden bañar sen compaña na piscina grande. Imaxina se teño que estar pendente dun neno que non saiba nadar. Quen mira polas outras oitenta persoas que pode haber?

—Cre que fai falla máis educación na sociedade sobre primeiros auxilios e prevención na auga?

—Sen dúbida. É unha cousa que debería ser obrigatoria nas escolas. Non xa polo que poida pasar dentro, tamén fóra da piscina hai que saber como actuar.

—Cre que se valora suficientemente o traballo de socorrista?

—Non tanto como debería. Moitos pensan que simplemente estamos sentados debaixo do parasol sen facer nada, pero estamos en alerta constante. Cando pasa algo, somos os primeiros en actuar, pero tamén somos os primeiros en levar as culpas.

—E agora no verán cando o voso traballo sae máis a relucir. Como é unha xornada laboral?

—Entro a traballar ás doce do mediodía e ata as oito non me movo de aquí. Como en todos os traballos, hai días con máis ou menos actividade. A primeira hora hai cursiños de natación para os nenos e sempre axudo aos monitores en calquera cousa que necesiten. O forte do día comeza cando empeza a chegar a xente e os días no que aperta o sol son os de máis balbordo na piscina.