Arteixo celebra o Día das Escritoras con «Palabra de Muller»

La Voz A CORUÑA

ARTEIXO

Ana Hermida, da Asociación Lisístrata, nun momento da representación de «Tecín soia a miña tela»
Ana Hermida, da Asociación Lisístrata, nun momento da representación de «Tecín soia a miña tela»

Lisístrata, da man da actriz e divulgadora cultural Ana Hermida, programa para o sábado 11 unha lectura de textos de «galegas pioneiras, rebeldes, silenciadas, inxustamente tratadas e incomprensiblemente esquecidas»

09 oct 2025 . Actualizado a las 10:51 h.

O pobo de Arteixo, da man dunha das súas veciñas, a actriz e divulgadora cultural Ana Hermida, sumarase este sábado 11 de outubro á conmemoración do décimo aniversario do Día das Escritoras cunha cita, Palabra de Muller. Ás 18.00 horas no auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía farase un percorrido pola obra de mulleres «galegas, pioneiras, rebeldes, silenciadas, inxustamente tratadas, incomprensiblemente esquecidas», explica a promotora, ás que se honrará nun acto onde varias persoas representativas da cultura e sociedade galega prestarán a súa voz ás autoras homenaxeadas. A actividade, coordinada por Lisístrata Asociación, está dirixida ao público adulto e a entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Ao longo da tarde leranse textos de Luz Pozo, Concepción Arenal, María Barbeito, Syra Alonso, Filomena Dato, María Casares, Begoña Caamaño, Luísa Villalta, María Victoria Moreno, Hildegart Rodríguez Carballeira, Enriqueta Otero, Francisca Herrera Garrido, Sofía Casanova, Xosefina López de Serantes, Mariví Villaverde, Xohana Torres, Rosalía de Castro, Xela Arias, María Mariño e Pura Vázquez. 

 «Desde hai anos organizo, dirixo e coordino esta actividade en Compostela, e logo de anos tentando, consigo traelo á miña terra arteixá, onde nacín e vivo, e onde espero e desexo poida ter continuidade o poder organizar actos culturais», conta Ana Hermida. «A xente está ávida e desexa cousas así, de feito tiven que deixar moitas persoas fóra xa que senón o acto do sábado alongaríase moito», engade sobre unha actividade na que as persoas que aceptan a invitación a participar non coñecen con quen van compartir palestra. «Eso é algo que me enche de satisfacción, porque cren e confían no acto en sí mesmo, eu asigno o texto uns días antes e van a cegas, é marabilloso», valora a profesional do teatro, a televisión e o cine, con ampla experiencia na narración oral e que agora trae á súa casa a homenaxe ás letras de muller.