Xosé Zapata, produtor e director audiovisual: «O noso centro de Carral é único en España, ata que o copien e con máis diñeiro»

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

CARRAL

Xosé Zapata
Xosé Zapata F. M.

Está á fronte de Amiga Space, un centro de formación e produción

26 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrevistar a Xosé Zapata (Carral, 1975) é complexo, porque é un torrente continuo de novidades imposible de abarcar. O produtor e director está pendente agora de si ao lado do Goya que xa ten poderá poñer a finais do próximo mes un Emmy, xa que o corto Vivir en un Mar Bravo, dirixido por Guillermo F. Flórez e producido por Zapata, está nomeado aos premios Emmy News and Docs, que recoñecen aos mellores informativos e documentais. Falamos co cineasta na sede de Amiga Space, o centro de produción e formación dedicado á animación que abriu en Carral fai apenas ano e medio, precisamente no edificio do colexio no que estudou de neno Zapata, o Víctor Velasco. Por certo, o de Amiga responde a Animation made in Galicia.

—Cómo xurde este espazo?

—O edificio estaba sen uso, así que presentamos o proxecto ao Concello, que o recolleu moi ben. É un exemplo de colaboración público-privada, que é o camiño que hai que facer en estas cousas. Queremos que sexa un punto de encontro para a animación en Galicia. Porque é algo único en España, un centro onde tes todo concentrado: a formación, a difusión e o coworking. Polo menos eu non coñezo un caso así, ata que o copien noutro lugar e con máis diñeiro [ri].

—O feito de facelo en Carral é tirar un pouco para casa.

—Ten un punto de responsabilidade social para coa nosa terra, algo que é común a todo o audiovisual galego. Porque se fose por diñeiro, as producións irían a outros lugares con maiores facilidades. Pero existe esa consciencia do noso. E montar isto aquí en Carral e parte de iso. Ademais, tampouco queríamos entrar en competencia coa formación que xa existe en Imaxe e Son ou na UDC. Aquí non caben 400 alumnos. O noso é outra cousa, más de especialización, unha formación á carta e a pequena escala que complementa a oferta. E temos uns estudios para facer curtas e apoiar aos novos creadores. É máis un proxecto de país que empresarial.

—Que balance fai deste primeiro ano de arranque?

—Fixemos moitas cousas, sobre todo se tes en conta que é o noso primeiro ano e os recursos que temos. Producimos a curta Avetimoloxía, na que participou Marisa Paredes, e a serie Bibopalula coa xente de Undodez, no noso espazo de coworking. Tivemos cursos como o de Blender Grease Pencil, que rematou coa participación dos alumnos na longametraxe Chica e Lobo. Fixemos un encontro de diferentes produtoras galegas, ciclos e proxeccións e, sobre todo, nos teñen visitado moitos centros educativos, o que é moi importante.

—Galicia sempre foi un referente na animación. Cómo está agora o sector?

—Hai un informe que o explica moi ben. Mostra un mapa coas porcentaxes de presenza de empresas de cine de animación por rexións e a facturación. Galicia ten un 7 % das empresas e un 1 % da facturación, mentres que Madrid ten o 25 % das empresas pero facturan o 60 %. Iso significa que temos o talento, temos a iniciativa, pero faltan os cartos. E ese é un problema moi grave. Acumulamos moitos premios e recoñecementos, pero non temos industria.

—E qué se pode facer?

—Solucións máxicas non hai. Pensei que nunca diría isto, pero boto de menos a Fraga, que non é que fose eu un gran seguidor de don Manuel precisamente, pero hai que recoñecer que tiña moi claro o papel estratéxico do audiovisual galego. Hoxe non hai partidas específicas para a animación, e paréceme inxusto. Temos gañado os dous Goyas que hai para a animación, o de longametraxes e o de curtas, no mesmo ano, algo que non pasou en ningunha outro lugar. Con todo o que a animación lle ten dado a Galicia, Galicia non lle da nada á animación.

—Estanse facendo apostas fortes, como o Coruña Estudio Inmersivo (CEI).

—Si, co apoio de diferentes administracións, pero sen a Xunta.

—Terá relación Amiga co CEI?

—Para nos é moi importante, porque aínda que non sexa animación directamente, o que se vai proxectar no CEI, os decorados, si son animación. De feito xa temos ofrecidos aquí cursos para os programas que se van a utilizar alí.

«Formamos aos mozos, non para que non emigren, senón para que o fagan con éxito»

Zapata foi elixido este ano presidente do Píxel Clúster de animación de Madrid. «É imposible non estar alí. Converteuse no centro de todo. Por iso levo xa dez anos cunha empresa en Madrid. E o certo é que nos tratan moi ben», explica.

—Está vostede cun pé en Carral e outro en Madrid.

—O problema do audiovisual en xeral é que os grandes centros de produción existen e son claros, nos guste ou non. É dicir, en Los Ángeles está Disney, Netflix Animation, Warner Animation... Así que se queres facer algo dun tamaño concreto, tes que ir alí. Dende a periferia o que temos que facer é intentar adaptarnos aos nosos problemas e tamén ás nosas vantaxes, ser complementarios deses centros de produción. Aquí en Galicia, por exemplo, temos moitísima creatividade, moita iniciativa. Pero hai que saber dirixila.

—E cal é o papel de Amiga Space neste panorama?

—Como centro formativo está moi claro. Tivemos a Max Puentes, un técnico de animación que traballou en Londres nas grandes producións de Marvel e Harry Potter, e dicía que sabía que os alumnos aos que lle deu clase aquí terían que marchar a Londres ou a Madrid, pero que polo menos quería fosen mellor preparados do que foi el. Viaxar temos que viaxar. Pero non podemos facelo cunha maleta como a que levaban os nosos avós a Suíza. Temos que ir en primeira clase, preparados para competir con calquera. Iso é o que temos que facer por agora e o que propoñemos dende Amiga Space: preparar aos nosos mozos profesionais non para que non emigren, senón para que o fagan con éxito. Polo de agora, ese é o noso obxectivo, porque non somos un gran centro de produción.

«Formamos os mozos non para que non emigren, senón para que o fagan con éxito»

Zapata foi elixido este ano presidente do Píxel Clúster de animación de Madrid. «É imposible non estar alí. Converteuse no centro de todo. Por iso levo xa dez anos cunha empresa en Madrid. E o certo é que nos tratan moi ben», explica.

—Está vostede cun pé en Carral e outro en Madrid.

—O problema do audiovisual en xeral é que os grandes centros de produción existen e son claros, gústenos ou non. É dicir, en Os Ánxeles está Disney, Netflix Animation, Warner Animation... Así que se queres facer algo dun tamaño concreto, tes que ir alí. Dende a periferia o que temos que facer é intentar adaptarnos aos nosos problemas e tamén ás nosas vantaxes, ser complementarios deses centros de produción. Aquí en Galicia, por exemplo, temos moitísima creatividade, moita iniciativa. Pero hai que saber dirixila.

—E cal é o papel de Amiga Space neste panorama?

—Como centro formativo está moi claro. Tivemos a Max Puentes, un técnico de animación que traballou en Londres nas grandes producións de Marvel e Harry Potter, e dicía que sabía que os alumnos aos que lles deu clase aquí terían que marchar a Londres ou a Madrid, pero que, polo menos, quería que fosen mellor preparados do que foi el. Viaxar temos que viaxar. Pero non podemos facelo cunha maleta coma a que levaban os nosos avós a Suíza. Temos que ir en primeira clase, preparados para competir con calquera. Iso é o que temos que facer por agora e o que propoñemos dende Amiga Space: preparar os nosos mozos profesionais non para que non emigren, senón para que o fagan con éxito. Polo de agora, ese é o noso obxectivo, porque non somos un gran centro de produción.