Méndez Ferrín presentará o xoves na Academia o «Dicionario de alimentación»

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

27 feb 2013 . Actualizado a las 11:09 h.

A que será a primeira comparecencia pública de Xosé Luís Méndez Ferrín despois da súa renuncia á presidencia da Academia producirase mañá xoves. Será na propia sede da RAG, na rúa Tabernas da Coruña, onde o máximo responsable da corporación presidirá o acto de presentación do Dicionario de alimentación e restauración (galego-castelán inglés), segundo anunciaron onte desde a Academia.

Ademais do propio Ferrín, intervirán no acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e Manuel González González, tesoureiro da Real Academia Galega e coordinador desta publicación.

Aínda que os estatutos marcan un prazo máximo de tres meses para a elección dun novo presidente desde que a renuncia sexa oficialmente aceptada polo plenario, a actual situación podería estar resolta antes das celebracións do Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio, que se dedica nesta ocasión a Roberto Vidal Bolaño. O acto central da xornada celebrarase nesta ocasión en Compostela e consistirá, como é habitual, nunha sesión extraordinaria e pública do plenario.

Nos próximos días terá que fixarse a data do vindeiro plenario da Academia, no que se comunicará e se aceptará oficialmente a dimisión. Como presidente da corporación, terá que ser o propio Ferrín quen convoque a reunión, aínda que non se prevé que participe na mesma, senón que sexa o secretario quen dea conta aos asistentes da dimisión. Será logo a executiva da Academia a que terá que convocar un segundo plenario para elixir presidente.