![Cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña despois de ser agraciadas co cuarto premio do sorteo de lotería de Nadal en 1925](https://img.lavdg.com/sc/xtpbILTU6SE_v95WrNeyebFL2aU=/480x/2019/12/23/00121577140541414610783/Foto/taba.jpg)
En 1925 a lotería de Nadal repartiu na Coruña tres millóns de pesetas entre cigarreiras e obreiros
24 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Historias con Historia
A sorte é esquiva, pero ás veces… acerta. A lotería de Nadal estaba en auxe. Rematadas as penurias asociadas á Gran Guerra e restablecido o fluxo migratorio con América, a súa demanda foi crecendo vertixinosamente. Coa reforma de 1920 puxéronse á venta 40.000 billetes que duplicaron o seu prezo, de 1.000 a 2.000 pesetas (12 euros), estando cada billete fraccionado en vixésimos de 100 pesetas cada un; tamén se duplicaron os premios. Visto o seu éxito, en 1925 xa se sacaron 55.000 billetes, elevándose de novo os premios: 15 millóns de pesetas (90.000 euros) para o gordo, 10 para o 2º, 5 para o 3º, 3 para o 4º y 1 millón para o 5º premio.
Todos querían xogar e gañar. Pero a lotería era e é clasista. Os ricos podían comprar billetes enteiros, as clases medias os vixésimos e os pobres pequenas participacións feitas por sociedades ou particulares.
Ese ano de 1925, Flora Barral, de 62 anos, viúva, cigarreira e veciña do barrio de Santa Lucía, achegouse a comezos de novembro, á administración de lotería nº 4, situada no Cantón Pequeno nº 12. Como en ocasións anteriores, pensaba mercar un billete enteiro e despois vendelo en participacións. Viu o número 51862 e decidiu xogar con el. Como só tiña parte das dúas mil pesetas que custaba, acordou coa lotera Fernanda Mera a súa reserva durante un mes. Despois fixo dúas mil participacións impresas de 1 peseta, cobrando ao vender os recibos cinco céntimos máis por cada un. Vendeunas todas e retirou o billete íntegro.
Xúbilo nos peiraos
O 22 de decembro, ás once, nos encerados postos polos periódicos nas rúas, anotaron o cuarto premio: 51862. Na rúa Real unha muller empezou a berrar contenta. «¡Está na fábrica de tabacos… eu levo unha peseta!». Alá foron os periodistas de La Voz de Galicia, El Orzán e El Ideal Gallego. A algarabía reinaba en case todos os talleres. Moitas mulleres xogaran ese número e Foto Blanco inmortalizounas. O xúbilo tamén se espallou polos peiraos, A Palloza, A Gaiteira, Santa Lucía, A Grela, A Moura, Vilaboa e moitas aldeas da periferia. O premio estaba moi repartido, pois ademais das participacións de unha peseta, había outras de 50, 25, 20, 10, e 5 céntimos feitas por outras moitas persoas modestas.
No Muro as peixeiras cantaban a súa sorte dicindo «Trinta pesos por un patacón!», xogaran 10 céntimos e gañaran 150 pesetas. Houbo foguetes. Non era para menos. Segundo o INE, o salario-hora medio das cigarreiras era 0,71 pesetas. Ademais era a primeira vez que caía un premio grande na cidade, pois o primeiro de 1903, mercado na Coruña, marchara para Cuba.
Tamén houbo polémica. Flora Barral, católica practicante, atribuíu o premio ao favor de san Xosé da Montaña que recibía culto na igrexa dos Capuchinos; pola prensa, pediu aos premiados que desen un donativo para facerlle un pequeno santuario. A súa petición suscitou o sarcasmo do diario madrileño La Voz, que acusou aos Capuchinos de intentar cobrar o 3 % aos gañadores. A prensa católica reaccionou desmentindo a noticia. Unha anécdota máis no visceral enfrontamento entre clericais e anticlericais en España.