Freixanes reclama a López Campos unha «intervención urxente» e superar o decreto que limita o uso do galego no ensino 

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

O conselleiro de Cultura, José López Campos, co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, hoxe na sede provisional da RAG en Pocomaco, acompañados por Valentín García, secretario xeral da Lingua, e Henrique Monteagudo, do Seminario de Sociolingüística da Academia.
O conselleiro de Cultura, José López Campos, co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, hoxe na sede provisional da RAG en Pocomaco, acompañados por Valentín García, secretario xeral da Lingua, e Henrique Monteagudo, do Seminario de Sociolingüística da Academia. cedida

O presidente da Real Academia Galega e o conselleiro de Cultura mantiveron unha reunión na Coruña

22 nov 2024 . Actualizado a las 17:42 h.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, mantivo este venres unha xuntanza co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, na sede provisional da institución na Coruña. O representante da Administración autonómica enmarcou o encontro nas reunións previstas ao redor do Pacto pola Lingua, un proceso no que desde o principio consideraron «fundamental a participación social e a implicación das entidades máis relevantes para Galicia», segundo o representante da Xunta. O titular da RAG aproveitou para lle reiterar a preocupación pola evolución do idioma do país e insistiu na necesidade de que o Parlamento de Galicia acade un gran consenso.

«Cómpre abrir un novo tempo que signifique superar o actual modelo de políticas lingüísticas e, entre elas, o decreto 79/2010, que limita o uso do galego no ensino. Necesitamos unha intervención urxente, non podemos mirar para outro lado, e iso require partir dun gran pacto entre as forzas políticas con representación no Parlamento. Se estas non son quen de se poñer de acordo para garantir o futuro dun patrimonio común tan fundamental como é a nosa lingua, a sociedade, o pobo, váillelo demandar», advertiu Freixanes.

Como vén facendo dende hai tempo, volveu reclamar un cambio de rumbo na política lingüística que permita reverter a perda de falantes, especialmente acusada entre a poboación de menor idade, e insistiu na mensaxe do pleno do Día das Letras Galegas, cando fixo un chamamento para traballar conxuntamente por un novo horizonte para o galego que «corrixa erros e abra esperanzas», tendo en conta que os últimos datos do Instituto Galego de Estatística alertaron de que xa deixara de ser o idioma máis falado no país. 

O Seminario de Sociolingüística da RAG, informou Freixanes, está a traballar nun novo informe con posibles liñas de actuación, un documento que se difundirá proximamente, unha vez que se presente no pleno da Academia. 

Pola súa parte, o conselleiro recalcou que o Goberno galego segue avanzando «nun proceso de diálogo» que se iniciou «en clave positiva», e co que se busca, dixo, «consensuar propostas» que «permitan prestixiar a lingua e impulsar o seu uso social». Campos agradeceu a disposición da RAG, «unha institución sempre ao servizo da sociedade e co máximo nivel de compromiso coa nosa cultura e o noso idioma», para sumarse a unha rolda de consultas nas que, confía, fará «importantes achegas».

O encontro prodúcese despois das conversas mantidas polo responsable autonómico da Lingua con outras entidades, como o Consello da Cultura Galega, a Editorial Galaxia e representantes da Igrexa; e outras como a mantida co responsable de Sanidade da Xunta para fixar accións no seu ámbito de actuación, e ás que se sumarán as xa previstas con entidades como as tres universidades galegas ou a Federación Galega de Municipios e Provincias, entre outras.

 López Campos lembrou que están a cumprir coa «folla de ruta que establecemos desde o inicio co obxectivo de coñecer diferentes perspectivas que poidan enriquecer e facer medrar o plan de acción a prol do galego» e tamén afirmou que a próxima semana se volverán convocar as distintas forzas políticas unha vez que se lles presente o documento de traballo. «Unha vez analizado, ponnos de novo na situación axeitada para retomar conversas», valorou. 

Sobre o texto de base, indicou que recolle as claves «para acadar ese pacto pola lingua que favoreza a presenza do galego en moi diversos ámbitos e grupos de poboación, e que ten vontade de enriquecerse coas propostas que vaian xurdindo no proceso, tanto propias coma do resto das formacións políticas e das institucións».

O titular de Cultura recordou que esas bases inclúen medidas como a renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega a través de comisións de traballo antes de final de ano, formadas por persoas de recoñecido prestixio, así como 50 medidas para impulsar o uso do galego, incrementar un 30 % a partida para dinamización da lingua nos orzamentos do 2025 ou posicionar a  CRTVG «como catalizadora da lingua», favorecendo produtos en galego.

Incidiu tamén López Campos en que xa se foron dando algúns pasos, como o incremento de cursos «mais alá dos enfocados ás persoas chegadas do exterior e centrándoos tamén en distintos sectores profesionais», caso dos traballadores da Xustiza ou da sanidade. A proposta para declarar no 2025 o Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do pasamento do intelectual, ou a constitución de grupos de voluntariado lingüístico para organizar conversas son tamén algunhas das iniciativas impulsadas, lembrou. «Todo isto unido ao avance na campaña de dinamización e sensibilización "Saca a lingua que levas dentro" ou á continuidade do Proxecto Nós, que segue a avanzar para que o galego estea presente no eido dixital», destacou.