«Hai moita xente nova nos gobernos con certa inexperiencia»

CULLEREDO

Di que a lei non permite remunicipalizar servizos e que sería moi custoso

24 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

É o decano dos alcaldes da comarca coruñesa. Julio Sacristán de Diego (Valladolid, 1953) acadou o pasado mes de maio unha nova vitoria na súa carreira política. Dirixe os destinos de Culleredo desde 1983 e tras a súa vitoria nas urnas repetiu unha mensaxe que o acompaña desde 1999: «Este será o meu último mandato». Este mestre da Universidade Laboral pasa revista con tranquilidade á actualidade política dos concellos cunha mensaxe conciliadora: «Hai moita xente nova que vai comprobando que moitas das súas ideas non se poden levar a cabo», resume sobre as relacións coas candidaturas populares.

-Faga balance dos seus primeiros cen días.

-Diría que é positivo. Non hai nin pacto nin maioría absoluta, pero conseguimos sacar adiante todos os temas que xurdiron hasta o de agora con apoios puntuais de distintas forzas. Non solo acordamos o modelo de organización, senón tamén o consello de participación cidadá, a modernización do parque Tierno Galván, a reparación do centro cívico de Fonteculler, a ampliación dos parques infantís, as cubertas dos tres patios dos colexios, a renovación da iluminación...

-¿Goberna cómodo en minoría?

-De momento, ninguén quere cambiar a actual situación e buscar un pacto para todo o mandato, aínda que estamos dispostos a incorporar ao goberno a todos aqueles que queiran aportar. E, mentres, seguiremos apostando polo diálogo, a negociación e a busca dos máximos consensos entre todos.

-¿Como cambiou a relación cos novos veciños da comarca?

-Pois as cousas van ben, tanto con Cambre como con A Coruña. De momento, as cousas están no aspecto formal, xa que, salvo no caso da depuradora, que hai convocado un consello para o día 29 de setembro, e nas negociacións para a rexeneración da ría do Burgo, no resto dos asuntos aínda non se avanzou nada. E hai moitos asuntos importantes sobre a mesa que temos que ir vendo, como por exemplo a recollida de lixo ou o transporte metropolitano, onde a maioría das concesións rematarán no horizonte do 2020 e son problemas que nos afectan a todos. Hai acordos en asuntos como a remodelación de Alfonso Molina ou a ría, e seguimos esperando resposta a outros temas, sobre todo o Vial 18, do que non temos noticias da Coruña e non sei o motivo.

-Fálase moito de nova política. ¿Tanto mudou todo en maio?

-Non, o que hai é máis forzas políticas gobernando, con novas ideas e algunha inexperiencia e descoñecemento da lei. Como no caso das municipalizacións de servizos, nos que a experiencia nos di que case sempre saen máis custosos e máis recomendable manter a cooperación público-privada sempre vixiada.

-Acúsano de ser demasiado brando co BNG na Deputación.

-As negociacións co Bloque non as levei eu solo. O que fixemos foi poñer por escrito a folla de ruta pactada entre José Ramón Gómez Besteiro e Xavier Vence para garantir o correcto funcionamento como un solo goberno e evitar desconexións como as que houbo na época do bipartito.

-¿Albisca moitas mocións de censura no medio prazo?

-Non temos noticias na provincia. As cousas están funcionando razoablemente en todos os concellos e non parece argumentada unha solución drástica como unha moción de censura.

-¿E logo Miño?

-Ese é un caso moi especial, unha excepción. Están a falar os grupos municipais e, cando acaden un acordo, polo ben do pobo, as direccións de PP e PSOE permitirán o cambio de alcalde para evitar danos maiores ao futuro deste municipio.

«A dirección do PSdeG apoia ao grupo municipal da Coruña»

Unha das polémicas dos primeiros cen días de goberno das novas corporacións ten que ver coas diferenzas entre a Marea e o PSOE na Coruña. Julio Sacristán reafirmou o apoio da dirección provincial e galega á posición do grupo municipal socialista. «O ideal é que haxa entendemento, pero ten que haber reciprocidade. Non poden chulear, permítase a expresión, ao PSdeG e gobernar como si tiveran maioría, que non a teñen», indicou o presidente provincial do PSOE.

-Pero Xulio Ferreiro dixo publicamente que vostedes non apoiaban o voto en contra do PSOE nos plenos.

-Nunca se falou diso. O grupo municipal socialista demostrou o seu compromiso pola gobernabilidade da cidade votando a favor da investidura de Xulio Ferreiro como alcalde sen pedir nada a cambio en ningún momento, pero iso non significa carta branca e apoio incondicional en todo o que propoñan.

-¿Cal é a solución para restablecer o entendemento?

-Ten que haber moito diálogo e apurar ao máximo todas as canles de negociación para buscar o entendemento. É decisión da Marea apoiarse nun partido ou noutro. E son eles os que teñen que elixir se queren que o PSOE sexa o seu socio preferente ou en exclusividade.

-¿Cales son os límites, as liñas vermellas que se marca o PSdeG nese apoio do grupo municipal?

-O único que temos que evitar entre todos é o desgoberno. Esa é a nosa verdadeira preocupación, na Coruña e no resto dos Concellos nos que temos presenza nas corporacións. Claro que é posible atopar esas posicións de entendemento, pero ten que haber lealdade e reciprocidade entre todas as partes implicadas. E sempre respectamos a autonomía das agrupacións locais.