Reclaman que o BIC do Museo Carlos Maside de Sada se estenda a Cerámicas do Castro

SADA

Imaxe do interior da fábrica de Cerámicas do Castro, de Sada, que está integrada no Grupo Sargadelos.
Imaxe do interior da fábrica de Cerámicas do Castro, de Sada, que está integrada no Grupo Sargadelos. ANGEL MANSO

As asociacións que instaron a que non caducase o expedente reclaman que non se mude o nome do centro

22 jul 2025 . Actualizado a las 12:28 h.

A reunión celebrada este luns na sede da asociación cultural Alexandre Bóveda da Coruña, para falar do futuro do Museo Carlos Maside de Sada ao que ese mesmo día a Xunta confirmou que da luz verde a que sexa BIC, e na que participaron distintas asociacións preocupadas polo devenir deste centro concluiu cunha declaración eb defensa do legado de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane, que impulsaron o que xa é un ben de interese cultural.

No texto o primeiro que fan é reivindicar o nome de Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. «Este é o seu nome e non debe mudarse», din en referencia a que na documentación oficial engadan agora tamén Sargadelos á denominación. Para as entidades culturais e memorialistas, este centro é moito máis ca unha colección de obras de arte, «resulta ser unha experiencia pioneira de recuperación da memoria histórica en pleno franquismo», en alusión ao papel de divulgación dos artistas no exilio.

No encontro organizado polas asociacións CRMH da Coruña AC Eira Vella, AC Irmáns Suárez Picallo e a propia AC Alexandre Bóveda anunciaron que seguirán buscando apoios para continuar reivindicando que o recoñecemento non se restrinxa ao edificio e un milleiro de obras de arte e destacaron a singularidade do conxunto.

«O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside é obra, fundamentalmente, de Díaz Pardo e de Seoane. Porén, a obra de Díaz Pardo é moito máis que o museo galego. É un conxunto poliédrico de producións que van desde as artes plásticas e o deseño ao labor editorial, pasando pola actividade empresarial e a creación literaria. Todo ao servizo dun fin no que estética e ética se dan a man», recalcan.

«O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside compréndese no seu contexto como parte dun todo, que é a obra de Isaac, e como parte dun conxunto integrado, que son as Cerámicas do Castro. Por iso reivindicamos que a declaración como Ben de Interese Cultural abranguera a todo ese conxunto, do que forma parte o edificio no que botou a andar a fábrica nos anos 40 e o estudio de Díaz Pardo ata os seus últimos días; a planta de produción de 1963, obra de Andrés Fernández-Albalat con forte pegada da sensibilidade plástica e do espírito práctico de Isaac; o edificio do LICSA (Laboratorio de Industria e Comunicación) e o propio Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside (e o seu contido) cos seus característicos módulos hexagoais, tamén de Fernández-Albalat; ademais de diversas obras plásticas que enriquecen os diferentes escenarios, como o mural de Seoane representando a tres mulleres ou a fonte dedicada a Castelao polo ceramista Francisco Pérez Porto. E iso sen mencionar os bens que albergan todos os edificios», indican.

Nun texto asinado por trinta entidades, sinalan que queren coñecer a resolución de BIC, «para adoptar medidas conxuntas na preservación deste legado cultural e memorialístico co obxectivo de evitar incongruencias que posibiliten a protección do museo mais obvien toda esta realidade que o arrodea, como é tolerar que se soterre e se deturpe a obra de Isaac por parte das empresas que el mesmo concebiu como industrias culturais». «E isto está a acontecer a día de hoxe, cunhas empresas que acollen charlas de figuras da extrema dereita mentres suprimen referencias a quen as creou», advirten.