Abril é o mes máis cruel porque lembra todas as repúblicas posibles. Imos de república en república ata a monarquía final. Para nós as repúblicas son imaxinarias, e a monarquía, nunca mellor dito, real.
Cifras das letras. Para os optimistas, para os desconfiados, para os memorísticos, para os profesores, para os alumnos, para os cínicos, para os inocentes, para os da casa, para os de fóra, para os políticos, para os apolíticos, para os favorables, para os contrarios, para os sociólogos, para os arquitectos, para os gurús, para o Goberno e para a oposición. Para todos os que están e todos os que son xa temos unhas cifras da cultura galega. E as cifras das letras confirman o dito ata agora: o problema da cultura galega non é de produción, senón de públicos e que o gran reto para a cultura do país non é acadar novos récords de edición ou de estreas como conseguir que os públicos se sintan atraídos polas que hai. Pero estaba claro, ¿non?
Manda o físico. Romario retírase porque di que no fútbol pode a capacidade física e el está maior. Tamén pasa na NBA, no xadrez e na literatura galega. Circula unha teoría segundo a cal en Galicia hai que abandonar o relato por esquemático. Sen novelas somos xente sen titulación. É un debate vello, clasista e que revela aquel complexo de inferioridade de quen se sente pequeno e quere ser grande imitando a quen supón grande. Pero tamén é un trunfo máis do físico sobre o argumental, da resistencia sobre a profundidade, do músculo sobre a intelixencia. Hai demasiados clementistas con autobús na prosa do país. Queren amarrar o resultado xunto á portería. Pero de seguir así van quedar sós para parar os penaltis.
¿Dixen músculos? Habería que saber, vía estatísticas, cantos dos pais que levaron aos cativos ao wrestling (ou pressing catch ) foron favorables a que TVG retirase Shin Chan por demasiado procaz. A outra pregunta é se en lugar de ver na tele os músculos, mirasen programas de libros, ¿correrían a ver a mercar cómics con auténticos e heroicos mamporros galegos?