La Voz distribuirá o sábado unha antoloxía de Álvarez Blázquez

La Voz

CULTURA

14 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O vindeiro sábado celebrarase en toda Galicia e nas comunidades galegas de fóra o Día das Letras Galegas, festividade á que este ano se suma La Voz de Galicia con varias iniciativas, como son a antoloxía da obra de Xosé María Álvarez Blázquez, un libro que preparou o seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo e que os lectores poderán adquirir o sábado co xornal ao prezo simbólico dun euro; o número do suplemento Culturas, que recibirán ese mesmo día e tamén está dedicado ao autor de Canle segredo ; e un monográfico sobre a figura do autor homenaxeado con traballos dos máximos especialistas na súa vida e obra que se entregará mañá, xoves, co periódico.

O Consello da Cultura Galega súmase aos actos de homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez co recoñecemento ás súas facetas de bibliófilo e erudito. Faino coa edición facsímile do manuscrito autógrafo Égloga de Belmiro e Benigno, do poeta viveirense do século XIX Nicomedes Pastor Díaz, xunto co facsímile dese texto que imprimiu, e foi a súa primeira publicación en 1951, a editorial Monterrey, dirixida por Álvarez Blázquez. O polígrafo tudense tamén foi quen desentrañou a autoría deste texto, confirmando que se trata dunha obra de Pastor Díaz. O cartafol presentado onte polo presidente do CCG, Ramón Villares, e o secretario, Henrique Monteagudo, inclúe o estudo do propio Álvarez Blázquez sobre esta obra do prerrexurdimento que leva por título Notas para unha edición crítica, que publicou nos anos sesenta nos Cuadernos de Estudios Galegos.

O acto central do sábado terá lugar no Auditorio do Concello de Vigo, no que as 12.30 horas empezará unha sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega. Pola tarde, ás 17 horas, será descuberta unha placa na casa na que durante 40 anos viviu Álvarez Blázquez e que está en Gran Vía 180.

Xunto cos actos oficiais, as iniciativas privadas, como a de varios libreiros de Compostela que poñen os seus libros na praza do Toural o outras como a do Radio Club Scout de Oza, que durante a xornada do sábado estará activando un indicativo con motivo do Día das Letras Galegas, tal e como ven facendo desde 1990. Os radioafeccionados que contacten con este club recibirán un tarxeta especial coa imaxe de Álvarez Blázquez.

Cortexo cívico da Coruña

O Cortexo Cívico da Coruña cumprirá o vindeiro sábado cinco anos. Organizado pola Asociación de Veciños da Cidade Vella, o percorrido polas rúas e casas emblemáticas deste barrio ten como lema 1208-2008: Oitocentos anos da Coruña, unha cidade galega . «Roi Xordo quixo ser enterrado na Colexiata, nesta cidade creouse o himno galego, aquí xurde a bandeira do país, viven un tempo Rosalía e Murguía; en 1810 Xosé Fernández de Neira, que foi un guerrilleiro que loitou contra os franceses, publica o primeiro libro en galego e temos o primeiro alcalde da democracia, Domingo Merino, que fala en galego», resume Pepe Barro sobre o que serán as dúas horas de percorrido.