Poetas do seminario: desde os Cantores do Nadal ata Noriega e Iglesia Alvariño

R. Loureiro

CULTURA

14 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Como afirma Félix Villares Mouteira, o maior estudoso vivo da Escola Literaria Diocesana de Mondoñedo-Ferrol, da que ten o seu mascarón de proa nos poetas do Seminario de Santa Catalina, poucas aulas se poden loar de ter formado, ao longo dos séculos, a tan grandiosa nómina de creadores. Desde poetas como os Cantores do Nadal (Antón María Castro e Neira, 1771-1826; Luis Corral Rodríguez, 1784-1843; Xacinto Romualdo López, 1808-1895), verdadeiros precursores da recuperación da lírica en lingua galega, ata a autores aos que xa se lles dedicou un Día das Letras, como é o caso do gran Noriega Varela, 1869-1947 («Fillo do corazón, que nas meniñas / dos teus ollos levache os meus amores / descansa eternamente sobre frores / que eu non te hei de olvidar entre as espiñas...») ou de Aquilino Iglesia Alvariño; deste último, por certo, estes mesmos días véñense de cumprir -e de celebrarse- os cen anos do seu nacemento. E precisamente por iso, porque das aulas do Seminario Mindoniense non só xurdiron cardeais como Antonio María Rouco Varela, historiadores como Ramón Villares, teólogos como Segundo Leonardo Pérez López -o presidente da Academia de San Rosendo- ou bispos como Alfonso Carrasco, senón tamén escritores como Xosé Crecente Vega e Xosé María Díaz Castro -que tamén optan a ter cada un deles o seu propio Día das Letras-, a día de hoxe entidades culturais como o Real Coro Toxos e Froles ou o Liceo Rubia Barcia e un bo número de concellos da Galicia do Norte, ademais das Universidades do Minho, piden para a Escola Literaria de Mondoñedo-Ferrol o recoñecemento da Real Academia Galega.

A longa relación

Villares Mouteira, autor dunha monumental antoloxía publicada por Biblos, Un alpendre de sombra e de luar: a Escola Literaria da Diocese de Mondoñedo-Ferrol , afirma que ao longo dos séculos os poetas do Seminario mindoniense manteñen rasgos comúns, como «unha fonda formación humanista, que se reflicte nos seus versos» e que está directamente vencellada ao feito de que todos eles «beban nos clásicos latinos»; que en todos eles «se deixe ver unha fonda preocupación pola fala e pola riqueza léxica» e que «todos eles sexan homes fondamente relixiosos», que miran ás cousas pequenas cun agarimo propio dun certo franciscanismo. A nómina, que chega a poetas vivos da importancia de Uxío García Amor ou Bernardo García Cendán, inclúe a creadores como Nicomedes Pastor Díaz, Leiras Pulpeiro (a quen xa se lle dedicou un Día das Letras), Xosé María Chao Ledo, Trapero Pardo, Chao Espina, Francisco Fanego...