O proceso é criticado por algúns produtores por estar precedido de diversas irregularidades
06 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) fixo pública onte a adxudicación das axudas a un total de 79 proxectos audiovisuais galegos por un monto de 5.250.000 euros.
As aportacións a dúas das seis liñas de axuda ao sector destinarán do seu importe total 4.850.000 euros á produción e coprodución de 31 longametraxes á lingua galega durante os próximos catro anos. Os restantes 400.000 euros están destinados á promoción do talento audiovisual para a escrita de guións a para a realización de longametraxes e curtametraxes en soporte dixital e curtas experimentais.
Das axudas á produción e coprodución audiovisual nas diferentes modalidades se benefician 28 produtoras. No apartado de longametraxes de animación e ficción destaca a concesión de 400.000 euros a Engurras , de Pero Verde Films, versión cinematográfica do tebeo co que Paco Roca obtivo o Premio Nacional de Cómic en el 2008; e A tropa de trapo , un proxecto en 3D de Abano Producións. Padre Casares , proxecto de versión cinematográfica da popular teleserie da TVG producida por Voz Audiovisual, recibirá 300.000 euros. A mesma cantidade recibirán nesta categoría: Anos despois , da produtora Ringo Rango; Inevitable , de Adivina Producciones, e Terras baixo un sol invernal favorable , de Ignacio Benedeti Cinema. E por último, Secuestrados , Vaca Films Studio recibirá 200.000 euros.
Óperas primas
No apartado de óperas primas ou segundo longametraxe reciben 300.000 euros catro proxectos: Little Galicia , proxecto do curtametraxista Alber Ponte; A árbore magnética , Dos Trinta e cinco Producciones Cinematográficas; Mar de fondo , de José Manuel Quiroga; e Doentes , de Filanova. Na categoría de telefilmes reciben axudas seis proxectos entre os que destaca Ollos de auga , de Vaca Films Studio, adaptación da novela homónima de Domingo Villar, dotada con 150.000 euros, igual que o biopic A condesa rebelde, Emilia Pardo Bazán , de Zenit Televisión. O proxecto de Continental Producciones Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego , recibiu 125.000 euros. Completan a lista: As reliquias do santo , de Bre Entertainment, con 150.000 euros; e Santa Compaña , de Adivina Producciones, 150.000 euros. E por último, Encallado , de Zirzozine, proxecto baseado no sumario do caso Prestige completa a categoría con 125.000 euros.
Seis documentais de creación de autor , outros tantos de difusión cultural e un na categoría de longametraxes en formato dixital son os beneficiados con 600.000 euros de axudas á produción de proxectos audiovisuais. Entre eles atópase o documental de creación A muller do eternauta , de Frida Films, baseado na galega Elsa Sánchez, viúva do autor do cómic El eternauta , o escritor arxentino Héctor Oesterheld desaparecido na ditadura militar, dotado con 50.000 euros. No apartado de longametraxes dixitais de baixo orzamento o proxecto seleccionado é Brasil somos nós , de Keltia Produccións, que recibirá 90.000 euros de subvención.