Cineuropa aposta por todo o cine que non se pode ver

La Voz

CULTURA

Comezará o mércores vindeiro e permanecerá proxectando cine ata os primeiros días de decembro.

31 oct 2009 . Actualizado a las 02:32 h.

O director de Cineuropa presentou a vixésima terceira edición deste certame reafirmando a fórmula de «festival de festivais» que domina a programación, e que serve para ofrecer «todo o cine que non se pode ver doutro xeito». Cineuropa comezará o mércores vindeiro e permanecerá proxectando cine ata os primeiros días de decembro.

Na programación que comezará na vindeira semana e, segundo palabras de José Luis Losa, «estarán case todas as películas do Festival de Cannes», incluída a gañadora do certame, A cinta branca, de Michael Haneke, longametraxe que servirá para a gala de apertura desta edición.

En total, 160 títulos forman parte da oferta do mes de proxeccións, dos que 123 son longametraxes e cen deles nunca chegaron, nin chegarán, ás salas comerciais. Losa reiterou que unha das utilidades do festival era «ofrecer un amplo panorama do que se fai polo mundo, que, de non ser en festivais, non podería ser visto».

A responsable de Cultura do Concello de Santiago, Socorro García Conde, explicou que a primeira noticia que dar era que «hai Cineuropa» antes de contar as principais liñas dun certame que, segundo explicou, ten un investimento que «en termos absolutos é pouco e en termos relativos é moi pouco». A concelleira sinalou que o orzamento total do festival son 350.000 euros, unha cifra que considera cativa «para a cantidade de películas e actividades que acomete o festival e que aínda resulta máis pequena se se compara cos custes doutros festivais».

Entre esas actividades figuran os premios que anualmente entrega o festival este ano para o director Fernando Trueba e á actriz Mabel Rivera, e que serán protagonistas das galas desta edición.

Ademais, o festival prepara unha cita especial cun adianto da película máis anunciada da historia do audiovisual galego, Os Crebinski, que presentará unha primeira bobina do filme como parte dun espectáculo no que ademais de actores filmados haberá actores ao vivo.

Na presente edición, Cineuropa ampliará a sección Doc-Music aproveitando a celebración dos corenta anos da disolución de The Beatles. No cinematográfico repasará a filmografía oficial xunto con algunhas rarezas como o concerto gravado no Shea Stadium. Este ciclo servirá de prólogo a un concerto no que sete grupos galegos farán versións de cancións do grupo de Liverpool. Será o día 11 na Sala Capitol. Entre eles, Niño y Pistola e The Homens.

Outra das sección clásicas do festival, Mundo Asia, dedicará este ano a repasar a produción máis recente de Takeshi Kitano. Na programación tamén se poderá ver a última obra de Michael Moore, Capitalismo: unha historia de amor.

Emerxentes galegos

Ademais da presenza dos Crebinski, o Cineuropa deste ano suporá tamén unha «aposta polo cine galego», como salientou a concelleira na presentación contando cos novos directores, entre outros con Oliver Laxe, Xosé Manuel Bazarra, Claudia Brenlla e Ángel Santos. As sesións dedicadas a estes cineastas terán un carácter interactivo e os espectadores poderán debater cos autores ao finalizar as proxeccións.

Nos últimos días do festival terá lugar a xa tradicional maratón de cine, con película sorpresa incluída, mentres que a retrospectiva que cada ano repasa filmografías concretas terá este ano como protagonistas a Arnaud Despechin e Claire Denis, dous realizadores que protagonizaron un movemento coñecido como a contraola. Tampouco faltará á cita a película de Manuel de Oliveira.