«Continental», «Urxa» e «Sempre Xonxa» supuseron o salto a o longometraxe de ficción.
21 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Entre o 23 e o 25 de novembro de 1989 desenvolveuse en Vigo a mostra Cinegalicia para presentar as tres primeiras longametraxes galegas de ficción en formato 35 milímetros. Estaba promovida pola Consellería de Cultura por medio da subdirección xeral de Promoción Cultural, que tiña á fronte a Antón Louro, actual Delegado do Goberno en Galicia, coa colaboración do Concello de Vigo que tiña como concelleira de Cultura a María Xosé Porteiro. Na aquelas xornadas, a cidade foi a capital do cine galego, con presenza de numerosos profesionais de medios especializados que recollían o seu desembarco oficial no mercado español. Foi comisario daquela mostra o crítico Miguel Anxo Fernández coordinando un equipo no que entre outros estaban José Luis Cabo, Xosé Enrique Acuña e Pepe Coira.
?Unha rodaxe complexa
Continental
(Xavier Villaverde, 1989), Urxa (Alfredo Gª Pinal e Carlos A. L. Piñeiro, 1989) e Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989), presentáronse por esa orde no histórico marco do Teatro-Cine Fraga, cos seus directores, produtores, actores e técnicos, acompañados doutros profesionais do sector que recibían esperanzados o comezo dunha nova andaina que se amosaría xenerosa no futuro, pese aos naturais altibaixos no ritmo de produción. Os tres filmes representaban outros tantos modelos de produción. Sempre Xonxa, á que Chano Piñeiro dedicou varios anos con numerosas versións do guión, que comezou chamando Birutas, foi un proxecto de rodaxe complexo por transcorrer a súa trama nas catro estacións, á parte de reclamar apoios da Xunta de Galicia, concellos, deputacións e particulares. A súa rodaxe foi maiormente por terras de Valdeorras, con Uxía Blanco, Miguel Insua, Roberto Vidal Bolaño, Roberto Casteleiro e Rosa Álvarez, entre numerosos actores galegos, ata a veterana Aurora Redondo e Loles León no reparto.
Urxa foi o que agora sería o modelo indie, de baixo presuposto, tamén sobre un guión con tres historias dos directores Alfredo Gª Pinal e Carlos A.L.Piñeiro, cun reparto de actores galegos na súa totalidade. Finalmente, Continental, rodada na antiga fábrica de cervexas El Águila en Madrid, onde se construíron varios sets, tiña un guión-base do propio Villaverde xunto a Raúl Veiga, e contaba no seu reparto con Marisa Paredes, Eusebio Fontela, Feodor Atkine, Héctor Alterio, Jorge Sanz e un gran número de actores galegos, na súa maioría procedentes do Centro Dramático Galego como en Urxa. Desde aquel histórico 1989, o cine galego aportou medio cento de títulos aparte outras rodaxes españolas que tamén contaron con profesionais galegos diante ou detrás das cámaras. Unhas xornadas promovidas desde o Consorcio Audiovisual de Galicia, lembrarán aquel Cinegalicia, ano cero do cine galego. A esa iniciativa sumouse despois a Academia Galega do Audiovisual promovendo recollida de testemuñas a través da súa web.
?