O centenario de Seoane quere convertelo nun símbolo de Galicia

Camilo Franco

CULTURA

As actividades comezarán o vindeiro mes de abril e continuarán ata chegar ao mes de xullo

23 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Converter a Luís Seoane nun «símbolo de Galicia» é un dos obxectivos das actividades do Centenario Seoane, que na segunda semana de abril terá dous dos seus actos máis relevantes. O congreso que debaterá e porá en relación caras diferentes dos seus variadísimos labores e unha exposición para reafirmalo como un artista plástico fundamental no discurso histórico e artístico do país.

Para Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, un dos cometidos destas actividades é «amosar como mudou a imaxe estética de Galicia grazas á obra de Seoane», apuntando que este artista é «con Castelao a figura máis importante de Galicia no século XX». Engadiu para ilustrar a valoración e a relación de Seoane co país que Cataluña «conseguiu unha identificación coa obra de Gaudí, pero salvando as diferenzas e tendo en conta que as comparacións son sempre relativas Seoane é máis importante para Galicia que Gaudí para Cataluña».

O Consello da Cultura comparte coa Fundación Seoane a organización destas actividades que principiarán o vindeiro mes e que se prolongarán ata o mes de xullo. O director da fundación, Alberto Ruiz de Samaniego, sinalou que sempre hai sorpresas cando se trata de estudar a Seoane, porque foi «un artista que tentou sempre sorprenderse a si mesmo». Samaniego apuntou que hai moitas conclusións a propósito da obra deste artista e deseñador que pode mudar despois do congreso porque, segundo explicou, «todo o mundo ten unha imaxe fixada sobre a obra de Seoane, pero a súa plástica é moito máis imprevisible do que ás veces se interpreta, a súa rede de conexións é amplísima e a súa capacidade para conectar mundos intelectualmente distantes é difícil de igualar».

Samaniego e Villares coincidiron en que as actividades tentarán dar unha visión de conxunto para definir o que o director da fundación denominou o «Ámbito Seoane» e que, en moitos sentidos, tivo como motivación «devolver a Galicia toda a bagaxe e coñecemento intelectual que o propio Seoane foi acadando no exilio», segundo comentou Ramón Villares. Neste sentido, o presidente do consello apuntou: «É unha obriga para nós tentar devolverlle algo do que nos deixou».

Dos cadros ao libros

O congreso, que comezará o seis de abril, será a actividade de apertura que, no mesmo día que remata, dará paso á unha mostra que, utilizando os diversos fondos da fundación, permitirá facer unha lectura máis ampla e «menos petrificada» do campo de operacións visuais de Seoane.

O encontro traballará sobre a relación de «dobre orixe» que o artista reivindicou entre Galicia e Arxentina, unha vía de circulación cultural e intelectual na que o pintor encontrou o xeito de explicar Galicia como unha cultura contemporánea.