Mabel Rivera revivirá os últimos pasos da vida artística de María Callas, compartindo escenario co actor Lino Braxe e os cantantes líricos Enrique Martínez e Julia Cea, na peza teatral Master Class , dirixida por Xosé Manuel Rabón, que mañá será estreada no Teatro Jofre de Ferrol. O espectáculo de Bengala Produccións, baseado na premiada obra do norteamericano Terrence Mcnally, recrea os anos en que a diva de orixe grego impartiu, na afamada academia de Nova York Julliard, unhas clases maxistrais coas que quería transmitir o seu legado sobre o escenario. A xira teatral de Master Class , tras ofrecer tres funcións na cidade departamental, ata o sábado, percorrerá un total de 15 localidades galegas da man do Xacobeo 2010.
O director xerente do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, cualificou onte Master Class , con motivo da súa presentación, como «un inmenso proxecto». Asemade, sinalou que a súa representación «brinda unha oportunidade de ver en escena a unha mostra do mellor do panorama escénico galego, ademais de gozar do teatro con maiúsculas».
O director Xosé Manuel Rabón explicou que a obra pretende ser «un musical no sentido máis clásico», que exemplificará a «dicotomía» entre a María Callas artista e a persoa. Para iso, Mabel Rivera, ademais dos actores, contará contará con dous cantantes que interpretarán os papeis líricos.
O proxecto teatral, segundo Mabel Rivera, naceu despois dunha incursión súa no mundo da música, cando participou nunha montaxe da Orquestra Sinfónica de Galicia, a principios do 2007. «Daste conta de que son mundos absolutamente diferentes, o da ópera e o do teatro -comentou a actriz-. Resultoume curiosísimo porque realmente nunca tivera a ocasión nin motivo para reflexionar sobre iso. Somos mundos escénicos pero vivimos de costas. Non compartimos». A actriz ferrolá gardou de repente unha copia en lingua inglesa da obra teatral de Mcnally, que leu e traduciu ao castelán. A necesidade dunha maquinaria concreta para levar a cabo a montaxe da obra requiría «un impulso específico e especial», que a produtora obtivo a través da xestora do Plan Xacobeo, polo que Mabel Rivera agradeceu a colaboración de dita entidade.
A actriz galega, que cualificou o proceso de preparación de «largo e duro», quixo deixar claro que o seu papel foxe da imitación da diva do bel canto e busca «unha aproximación» á soprano nacida en Estados Unidos, aínda que recoñeceu que en terminados aspectos, como o vestiario e a xestualidade, acércase o máis posible á cantante de ópera. Neste sentido, Xosé Manuel Rabón, precisou que tiña claro que, como máximo responsable da peza, quería que a protagonista «fora Mabel facendo de María Callas». O director describiu a proposta teatral como un musical, non como se entende na actualidade, senón como o tradicional «melodrama anglosaxón», no que o «teatro en prosa está determinado pola música».