Gutenberg inventou a imprenta, aló por 1450, e con ela sentou as bases da popularización do saber escrito. O xenial aparello do alemán acadou tamén algo máis, un efecto un tanto perverso aínda que probablemente inevitable: inaugurou a ditadura do visual sobre o acústico, condenando a forma inmemorial de transmisión de toda cultura tradicional, a vía oral, a un plano subordinado que non abandonou nos cinco séculos transcorridos dende aquela. Esta é a tese que defende o antropólogo Chiu Longina, impulsor da experiencia Escoita.org, que onte paseou o seu macrófono , un micro inchable de sete metros de lonxitude e 23 quilos de masa, polas rúas da localidade arousá de Vilaxoán.
A idea é tan sinxela en aparencia como fonda na súa reflexión. A homoxeneización do mundo contemporáneo acaba coa identidade acústica que caracteriza cada pequeno recuncho. Os sons desaparecen para ser substituídos, as máis das veces, por mero ruído. Aquela sirena que na conserveira de Pita marcaba as quendas de traballo foi silenciada polos habitantes dunha nova urbanización, que reuniron sinaturas porque seica querían durmir máis aló das nove da mañá. «Haiche hoxe xente moi fina, rapaz», opina un vello vilaxoanés, deixando claro que aquel aviso laboral valíalles a todos e nunca fixera mal ningún. Vese ben que cómpre recoller eses valiosos datos, que nun futuro servirán para retratar unha sociedade nun momento concreto.
Chiu e o seu equipo percorren e gravan o mundo, dende as pingas da Fontana de Trevi, en Roma, ata a caída da primeira castaña no outono do Courel. Levan trotado Galicia tres veces, e o resultado resúmese en 1.900 sons escolmados en todo o país. ¿E que será o que identifica a sonosfera de Vilaxoán? Polo que din as súas xentes, a sirena da lonxa, a campá da igrexa románica de Sobrán, a coral Máximo Patiño e as ondas do mar, que fan deste un pobo melódico, sempre disposto a cantaruxar. O macrófono, levado ás costas por catro mozos mergullados en monos de cor laranxa, ten algo de procesión de butaneiros. A vista, cando menos, serve tamén para algo: chamar a atención.