Lois Pereiro centrará as homenaxes do Día da Poesía en Galicia

santiago / la voz

CULTURA

Pen Club de Galicia e mais o Consello da Cultura Galega celebrarán un acto conxunto para conmemorar o día e tamén para homenaxear a Pereiro.

21 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A celebración do Día da Poesía en Galicia terá como figura de referencia a Lois Pereiro, autor que este ano centra o Día das Letras Galegas. O Pen Club de Galicia e mais o Consello da Cultura Galega celebrarán un acto conxunto para conmemorar o día e tamén para homenaxear a Pereiro.

No recital de honra está previsto que participen Olalla Cociña, Manuel Rivas, Luís González Tosar, Marilar Aleixandre, Salvador García Bodaño e Luísa Castro. O acto celébrase baixo o nome Unha ollada de luz no vento, Lois Pereiro e no mesmo participarán tamén o conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o presidente do Pen Club en Galicia, Luís González Tosar. Segundo o Pen Club, no recital poderanse escoitar tanto poemas de Pereiro como dos autores convidados a participar nesta homenaxe.

Ademais do recital, que terá lugar na biblioteca da Cidade da Cultura a partir das 19.30 horas, no mesmo acto darase lectura á carta de Irina Bokova, directora xeral da Unesco, organización que convoca esta conmemoración de carácter internacional.

A mesma carta será tamén protagonista do acto que celebrará o Ministerio de Cultura en Madrid co mesmo motivo. Entre a lista de autores participantes figura o poeta galego Vicente Araguas encabezando unha lista de case trinta escritores que darán forma á maratón. No mesmo programa está previsto que o cantautor Manuel Gerena ofreza un recital con cancións sobre poemas de Miguel Hernández. O acto madrileño terá lugar na Biblioteca Nacional desde a cinco da tarde e terá unha extensión en Vallecas incluída nas mesmas actividades.