O suplemento Culturas, que se entrega todos os sábados con La Voz de Galicia, publicará mañá un número especial de vinte páxinas dedicado integramente a Lois Pereiro e á celebración do Día das Letras Galegas. Nas súas páxinas abordaranse a biografía do escritor homenaxeado e a súa obra, que será tratada polo miúdo, tanto na súa faceta poética como os ensaios e a única novela que escribiu. Tamén se achega información sobre as traducións dos seus libros e a súa repercusión, xunto cos estudos aparecidos nos últimos meses sobre a figura de Pereiro.
«Lois Pereiro en 17 voces»
Ademais, La Voz ofrecerá o día 17 (por un euro máis o cupón do lombo) o libro Lois Pereiro en 17 voces, no que outros tantos escritores escollen un poema do autor e reflexionan sobre a fonda pegada que a súa lectura deixou neles. O libro presentarase hoxe, á unha da tarde, na sede da Real Academia Galega nun acto que contará coa asistencia do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín.