«Para Napoleón os libros valiosos eran botín de guerra»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Moleiro celebra 20 anos de edición cunha exposición sobre o seu traballo

01 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Viaxou dende Ourense a Barcelona en 1975 para estudar cinematografía, pero a facultade non chegou a arrancar e tivo que matricularse en xornalismo. Neses anos universitarios, Manuel Moleiro entrou en contacto co mundo editorial e fundou o seu primeiro selo, Ebrisa, e despois, en 1991, o que leva o seu apelido, especializado na réplica case perfecta de alfaias bibliográficas. Para celebrar o aniversario da editorial, mañá ábrese no Centro Cultural da Deputación de Ourense a mostra 20 anos de mecenado, conservación e difusión da arte da miniatura.

-No seu traballo replican os libros con tal fidelidade que mesmo reproducen o recendo.

-Ou os danos que sufriron. Se foi danado por un insecto, reproducímolo con láser. Tamén facemos a mesma encadernación, con peles naturais, que traemos de Asia ou África, porque en Europa emprégase o curtido ao cromo, que é rápido, pero non permite fixar con ouro ou facer debuxos.

-¿Por que edita sempre 987 exemplares numerados?

-O 7 representa a perfección, incluso no mal. A creación durou sete días, sete son os pecados capitais e as virtudes... Nós os que buscamos nun libro é a perfección e iso sábeno as institucións que custodian as xoias bibliográficas, que nos conceden os permisos de reprodución que a outros denegan.

-As obras do seu catálogo abranguen todas as áreas.

-Si, abordamos o coñecemento dun xeito amplo e profundo. Os nosos libros de cartografía, por exemplo, veñen da súa época dourada, a era dos descubrimentos, cando os mapas dun día xa non valían ao seguinte. Documentámonos moito e sempre buscamos ao máximo especialista en cada área para escribir os estudos sobre estas obras.

-O seu título máis recente, Splendor Solis, é un fascinante tratado de alquimia.

-A alquimia é moi interesante e non ten tanta fantasía como se adoita pensar. Na procura da pedra filosofal, os alquimistas buscaban tamén o grao máximo de perfección, que representaba o ouro, para eles o cumio na cadea evolutiva dos metais.

-Os libros en si tamén encerran as súas historias.

-Encontras informacións sorprendentes nos propios libros, anotacións que parecen incribles. O Libro dos medicamentos simples, que foi feito para os pais de Francisco I de Francia, terminou en mans de Carlos V e está cheo de anotacións do seu médico, Andrés Laguna.

-Co gallo do aniversario tamén se programou unha conferencia sobre códices roubados. ¿Debemos resignarnos a que o Calixtino apareza dentro de cincuenta ou cen anos?

-Eses libros roubáronse sempre. Para Napoleón eran botín de guerra. Agora para o Calixtino o peligro é máis grave, porque o ladrón pode tratar de vender unha páxina solta por un millón de euros ou semellante.

manuel moleiro editor

El portavoz de la Junta Directiva de la Sociedad General de Autores (SGAE), Sabino Méndez, lamentó ayer que la ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, haya pedido la baja como socia «precisamente ahora que se está saneando la SGAE para lograr que sea más profesional y democrática». La entidad aprobó ayer su nuevo sistema de elecciones. EFE