A revista Raigame, editada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo de Ourense, dedica o seu número 36 á figura de Valentín Paz Andrade e á súa relación con Ourense, provincia onde estivo desterrado en dúas ocasións. Ao longo de medio cento de páxinas, Raigame, publicación que foi presentada onte na Deputación de Ourense, inclúe artigos de Tucho Calvo analizando a relación do homenaxeado neste Día das Letras galegas co exilio galego, tomando como base o seu libro de conversas con Paz Andrade; de Xoán Carlos Domínguez Alberte, referindo a produción literaria do homenaxeado realizada ou vencellada con Ourense -colaboración na que ademais se fai referencia á estadía do empresario na serra de Queixa no ano 1937 como desterrado-; e de Xosé Neira Vilas en Lembranza de dous amigos senlleiros, Paz Andrade e Díaz Pardo.
As achegas que fai Raigame sobre o protagonista do 17 de maio tamén inciden no punto de encontro de Paz Andrade e Eduardo Blanco Amor na súa aposta por Galicia, asinado por Luís Pérez Rodríguez, a amizade entre o primeiro e Lorenzo Varela, colaboración elaborada por Charo Portela, ou a faceta xornalística do empresario galeguista como responsable do diario Galicia, traballo de Clodio González. Os traballos complétanse cunha achega de Emilio Rodríguez, que lembra a relación de Paz Andrade coa Coral de Ruada, e unha cronobiografía de Vázquez-Monxardín.