Cinco décadas de vínculo coa pintura

Mercedes Rozas

CULTURA

28 jun 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Só seis meses despois da súa última grande antolóxica en Vigo, falecía o martes, na súa casa de Vila de Cruces, Alfonso Sucasas. Non foi suficiente a ilusión con que afrontaba nestes últimos meses o seu traballo, volvendo unha e outra vez ao debuxo e soñando con retomar de novo o gravado. O tempo, ao final, correu máis á présa que o seu propio anhelo, levándose para sempre ao artista apaixonado coa arte, que mantivo durante máis de cinco décadas un vínculo intenso coa pintura. Os primeiros tempos da súa traxectoria dedicouse a viaxar por América Latina e tamén a experimentar con técnicas e estilos. Incluso tentou achegarse a presupostos abstractos, pero non atopou neles a emoción que lle ofreceu en cambio a figuración. Ao seu regreso, contaba hai uns meses a La Voz, redescubriu Galicia: «Porque dende a miña conciencia Galicia era un mundo moi especial. Durante uns anos só retrataba labregos e o mundo do campo».

Sucasas nunca repudiou á tradición. Tense afirmado que a súa obra continua a liña propiciada no seu día por Colmeiro, Maside ou Laxeiro. Isto é así quizais porque, igual que eles, dialoga fraternalmente co ámbito que lle rodea, con eses tímpanos e capiteis das igrexas galegas. Ademais, os seus personaxes escenifican a existencia máis sinxela: gozan dun tempo sen présas, charlan amigablemente, cantan ou disfrázanse no entroido. Foi ese testemuño referencial o que reavivou na súa estética mensaxes cativadores para o espectador. Alfonso non se deixou arrastrar polos vaivéns da moda, quizais por iso nalgunhas ocasións non foi ben comprendido. Con todo, a súa traxectoria non necesita xustificacións, o seu legado é a súa mellor alegación.