Un congreso tocará todas as facetas de Paz Andrade

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Pontevedra, a cidade natal de Paz Andrade, acollerá do 13 ao 15 de decembro o congreso que conclúe un ano de actividades

08 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Un compendio de todo o que se divulgou ao longo do ano sobre a figura de Valentín Paz Andrade, a quen se dedicou o Día das Letras Galegas. E unha oportunidade para afondar nalgunha das múltiples facetas que tocou na súa «poliédrica» traxectoria. Pontevedra, a cidade natal de Paz Andrade, acollerá do 13 ao 15 de decembro o congreso que conclúe un ano de actividades.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, e o secretario da entidade, Xosé Luís Axeitos, explicaron onte os contidos do simposio, que abrirá Ramón Villares. Haberá catro bloques temáticos: biográfico, económico, periodístico e poético-literario, e entre os expertos que intervirán figuran Ana Acuña, Manuel Rivas, Alonso Montero, Camilo Nogueira ou Ánxel Vence. A lección de clausura a ditará Darío Villanueva e apunta á relación de Paz Andrade e Valle Inclán.

Ferrín explicou que neste ano abordáronse practicamente todos os temas nos que destacou o pontevedrés, «aínda que algúns puideron quedar desdebuxados, como o Paz Andrade crítico literario ou intérprete da literatura en portugués; pero o congreso está para deixar as cousas no seu sitio». Engadiu que se analizará de forma especial a idea que o homenaxeado tiña sobre a necesidade de aproximar a lingua galega á cultura portuguesa.

Por outra banda, o presidente aludiu aos recortes no financiamento da RAG, para subliñar que están pendentes conversas coa Xunta. «Estamos pensando como conseguir que se sequen eses pantanos que nos rodean e que nos poden tragar», dixo.