«Gaivotas subterráneas», dous personaxes e unha intriga

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Talía Teatro, RTA e Voz Audiovisual estrean a obra de suspense de Alfonso Vallejo protagonizada por Xabier Deive e Luís Iglesia

22 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Son dous personaxes moi contemporáneos: non lles preocupa a legalidade para facer cartos. Coñécense de vello e necesitan un do outro e ata aquí hai acordo. O resto é teatro: unha obra na que o espectador debe ir seguindo o suspense de dous personaxes que, de tan contrarios, son complementarios. Gaivotas subterráneas estréase o vindeiro xoves no coruñés Teatro Rosalía de Castro.

Dous actores moven a intriga desta obra de Alfonso Vallejo, unha coprodución entre Talía Teatro, RTA e Voz Audiovisual, que tivo o seu primeiro contacto co público no pasado Culturgal. Naquela cita lucía en Pontevedra o decorado dunha obra na que o espazo é un argumento. Os personaxes de Luís Iglesia e Xabier Deive están pechados a soas coa súa ambición e coa súa historia. Pechados e fronte a fronte.

O seu director, Artur Trillo, asegura que os espectadores terán que ir recoñecendo cal é o mundo de cada un dos personaxes desde os diálogos: «Coñécense desde novos, encóntranse despois de moitos anos nun espazo pechado e máis cedo que tarde aparecen as contas pendentes entre os dous». Ademais de Talía Teatro, participan no proxecto a empresa que presta apoio técnico á posta en escena, RTA, e Voz Audiovisual. A produtora da recén finalizada serie Matalobos, na que participaban os dous actores que protagonizan a historia, debuta na produción teatral e o seu director, Carlos Carballo, sinala que a intención é ter continuidade: «Queremos abrir un camiño novo para a ficción e que poderemos seguir se o resultado é bo».

A clave está na intriga

Para Trillo é importante que o espectador chegue á obra sen datos do argumento. «Calquera cousa que se diga pode destripar unha parte da intriga da obra», apunta o director, que asegura que na intriga do texto «está tanto saber o que os dous personaxes queren facer como de onde veñen e por que seguen xuntos a pesar de que está claro os problemas que teñen». Trillo explica que «conta cada matiz da interpretación porque deses detalles vai o espectador sabendo cal é a verdadeira natureza dos personaxes e tamén cales son as súas miserias».