Ferrín abandona hoxe a RAG entre peticións para que siga no cargo

Luís Pousa / Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xosé Luís Méndez Ferrín, o pasado sábado, na sede da Real Academia Galega.
Xosé Luís Méndez Ferrín, o pasado sábado, na sede da Real Academia Galega. paco rodríguez< / span>

O escritor presentará ao plenario a renuncia á presidencia e á súa cadeira vitalicia

13 mar 2013 . Actualizado a las 20:17 h.

Xosé Luís Méndez Ferrín presentará hoxe ante o plenario da Real Academia Galega a súa dimisión como presidente da institución e a súa renuncia á cadeira vitalicia que, como numerario da RAG, ocupa desde o ano 2000. Ferrín abandonará a corporación entre peticións dun sector de académicos, liderado polo escritor e xornalista Manuel Rivas, para que esgote o ano que lle resta de mandato como presidente e, sobre todo, para que non rexeite a súa condición de membro da institución.

Rivas, que o día que Ferrín anunciou a súa dimisión apuntou a posibilidade de abandonar tamén a RAG, aclara, na carta aberta de reposta a Alonso Montero que se publica nesta páxina, que «por responsabilidade» seguirá na Real Academia Galega.

Pese a estas peticións de que Ferrín siga no cargo e ás dúbidas que sementou nas últimas comparecencias públicas sobre unha posible volta atrás nas súa decisión -«sempre se pode cambiar de opinión», apuntou o sábado-, a orde do día do plenario de hoxe inclúe como quinto punto a «dimisión do presidente», no que explicará a súa renuncia. Neste punto anunciou que tomará a palabra Manuel Rivas para solicitar formalmente que reconsidere a dimisión, petición á que se prevé que se sume un sector de académicos que nestas semanas veñen de amosar apoio público ao presidente. Neste sentido, o vicesecretario da RAG, Francisco Fernández Rei, subliñou o seu desexo de que Ferrín continúe «polo menos como académico». «Creo que unha figura da súa valía ten que seguir na Academia por motivos obvios», explicou.

Pola súa banda, Henrique Monteagudo, que se mostrou moi crítico coa executiva desde o inicio da polémica, considera que o lóxico é que hoxe se lle pida a Ferrín que esgote o seu mandato: «Porque é o que levamos dicindo todos desde o principio». Explica Monteagudo que «está no dereito de abandonar a presidencia», pero que o plenario «tentará evitar que Ferrín abandone a Academia».

«Creo que é importante rebaixar as tensións que se deron nas últimas reunións, sexa cal sexa o resultado final do plenario», engadiu Monteagudo.