Sen lugar para a indiferenza

Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os académicos consideran positivo o paso de Ferrín pola RAG

14 mar 2013 . Actualizado a las 11:37 h.

A chegada de Xosé Luís Méndez Ferrín á presidencia da Real Academia Galega foi moito máis silenciosa que a súa saída. A súa candidatura, precedida de algúns silencios próximos e de advertencias apocalípticas, foi aceptada coas mesmas palabras coas que se recibe case calquera actividade de Ferrín: é un grandísimo escritor e un home comprometido. O tránsito do escritor pola presidencia académica ofrece, a dicir da maioría, un balanzo positivo e, para os menos, inesperado. A indiferenza non é o territorio natural para a interpretación do xa expresidente e exacadémico, pero así como recoñece que como escritor ningunha xeración posterior foi capaz de «matalo», o seu paso pola RAG esperta unha aprobación menos unánime.

Carácter institucional

Presidencia. O carácter de Méndez Ferrín como presidente causou sorpresa de inicio porque, a pesar da súa fama, acabou por ser un dos presidentes máis institucionais dos que tivo a RAG nos últimos anos. A pesar dos problemas de financiamento e das dificultades das negociacións con institucións políticas, insistiu moito e en moitos ámbitos distintos na necesidade de manter a lealdade institucional. Para algúns académicos, a xestión do escritor foi, en casos puntuais, demasiado presidencialista e pouco dada a consultar co plenario. Entre estes casos, inclúen os académicos o do traballo da filla do xa expresidente na institución, que non foi consultado no plenario nin tampouco foi explicado no mesmo foro por parte de Méndez Ferrín nin de ningún membro da executiva. Para o escritor, as acusacións eran unha campaña de acoso e derribo da súa persoa como presidente da Academia.

Actividade

A organización pensante. Ferrín asegurou pouco despois de tomar posesión que o cometido da RAG non era estar todo o día na prensa senón converterse nunha máquina de pensamento. Todo o mundo coincide en que a chegada do escritor á presidencia cambiou a dinámica de funcionamento e supuxo que as seccións e os seminarios nos que se organiza a Academia retomasen a actividade e comezasen a traballar nos cometidos para os que foron concibidos, labores de carácter fundamentalmente investigador.

Visibilidade

A presenza da institución. Aínda que as dúas últimas semanas non sirvan de exemplo, os académicos coinciden en que hai que apuntarlle no haber de Ferrín un traballo con bos resultados a favor da visibilidade na sociedade da Real Academia. Unha visibilidade amparada na posta en marcha dun número maior de actividades e nunha maior presenza da RAG nas actividades desenvoltas por outras institucións.

Mundo web

Dicionario en rede. Unha das grandes novidades da presidencia ferriniana foi a posta en marcha da Academia dunha páxina web que, con carácter dinámico, ofrece unha información permanente sobre o carácter e os labores da institución. Pero, ademais, a web permite a consulta en liña do dicionario da entidade. Desde a mesma páxina tense acceso ás publicacións dixitais e ao catálogo dos fondos cos que conta a institución. Coa posta en marcha desta ferramenta tamén se comezou a traballar na identidade dixital da Academia.

Celebracións

Máis Día das Letras Galegas. A designación de Lois Pereiro como autor para o Día das Letras Galegas 2011 converteuse nunha das celebracións máis amplas e seguidas dos últimos anos. Homenaxear a un autor contemporáneo e máis próximo no tempo cambiou o sentido da celebración e, en máis dun sentido, revalorizou o papel da Academia e a fixo máis visible para sectores que non tiñan reparado nela.

Comunicación

Ausencia de estratexia. Con menos unanimidade, os académicos consideran que a RAG non foi capaz de ter unha política de comunicación, especialmente nos momentos en que saltou a polémica e non houbo unha contestación clara ás acusacións que se formularon, nin tampouco un xeito de comunicar as decisións que se tomaron para solucionar os erros. Nesa estratexia algúns académicos consideran que o plenario debía formar parte da mesma e que os seus integrantes deberían ter sido informados e saber que dicir en caso de ser preguntados. Para Méndez Ferrín o caso estaba resolto e non eran necesarias as aclaracións.

Economía

Recoñecemento en tempos de crise. A presidencia de Ferrín correspondeu co tempo en que a RAG recibiu máis recoñecemento institucional fóra de Galicia dos últimos corenta anos. Unha parte fundamental dese recoñecemento veu pola dotación económica que o goberno central concedeu á Academia, na que, tras algunhas loitas, equiparaba os fondos que había recibir a galega co resto das institucións similares do Estado español, a excepción da RAE, que cuadriplica a dotación do mellor dos casos da Academia Galega. Aínda que o recoñecemento formal quedou firmado, os recortes derivados da crise impediron que as partidas adxudicadas tivesen a súa correspondencia económica tal e como fora prevista, deixando á institución nunha posición complicada para facer fronte aos compromisos e aos proxectos.