Os perigos que denunciou Ferrín

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Afíns ao expresidente cren que se pretende integrar a Academia noutra institución, acusación que o sector crítico rexeita e atribúe á tensión actual

16 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«A Academia está en perigo, hai forzas que atentan contra ela e esas forzas son internas e son externas. Preténdese desvirtuar a súa razón de ser que é a defensa do idioma de forma intransixente». Con estas duras acusacións abandonaba Xosé Luís Méndez Ferrín, o pasado mércores, a Real Academia Galega. ¿A que perigos se refería o escritor na súa tormentosa saída do 11 da rúa Tabernas?

A perda de independencia

Creación dunha institución única ao estilo de Cataluña. Fontes próximas ao expresidente sinalan que o perigo ao que se referiu Ferrín na súa saída da RAG é a posibilidade de crear en Galicia unha entidade, ao estilo do poderoso Institut d?Estudis Catalans, na que se integrarían tanto a Real Academia Galega como o Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega, o Centro Ramón Piñeiro e outras institucións culturais similares. A entidade fusionada dependería orgánica e orzamentariamente da Xunta e, unha vez incorporada a Academia a este instituto único, subliñan as mesmas fontes, perdería o carácter independente que mantén desde a súa creación en 1906. Mentres académicos afíns a Ferrín coinciden neste diagnóstico de que hai un intento por facerse co control efectivo da RAG, outros numerarios críticos coa súa xestión atribúen a denuncia do expresidente á tensión emocional da súa saída e descartan por completo que haxa unha «conspiración contra a Academia».

O detonante

Acusacións de intento de «colonización» da Academia. A denuncia de que hai «forzas externas e internas» que atentan contra a RAG súmase ás duras acusacións formuladas o pasado 25 de febreiro en La Voz polo secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, man dereita de Ferrín durante estes tres anos de mandato. Axeitos atribuíu entón directamente as críticas internas contra a directiva ao intento por parte do Instituto da Lingua Galega e do Consello da Cultura Galega de «colonizar» a Academia. As palabras de Axeitos provocaron unha contundente reacción de ambas institucións, que teñen destacados representantes na RAG: tanto a directora do ILG, Rosario Álvarez, como o presidente do Consello, Ramón Villares, son académicos e dous membros da executiva da RAG, Manuel González e Francisco Fernández Rei, homes moi próximos a Ferrín, pertencen tamén ao ILG. O Consello e o Instituto cualificaron de «totalmente infundadas» as acusacións de Axeitos e o académico Henrique Monteagudo pediu que aclarase se falaba a título persoal ou como secretario.

Polémica interna

Roces pola autoría das «Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego». Outro roce que se viviu durante os últimos meses no seo da Academia foi o provocado pola autoría das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. O texto foi elaborado conxuntamente pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega (de novo coa coincidencia de varios nomes que traballan en ambas institucións), pero como a capacidade para ditar a normativa é exclusiva da RAG, esta decidiu retirar da portada do volume a referencia ao ILG, o que derivou nunha nova polémica interna. Finalmente, encargouse ao instituto que elaborase un limiar e propúxose que o ILG figurase nos créditos do volume.

A enésima discrepancia

O recurso polo decreto do plurilingüismo. A última discrepancia entre as diferentes sensibilidades da RAG xurdiu pola presentación, o pasado 4 de marzo, do recurso de casación ante o Tribunal Supremo no que a Academia pide a «anulación total» do decreto do plurilingüismo. A decisión, adoptada pola executiva, non caeu ben entre varios académicos que propuxeran publicamente a necesidade de chegar a un acordo coa Xunta neste punto. Pero Ferrín mantívose firme e decidiu que un dos seus últimos actos como presidente da RAG fose a presentación pública, o pasado luns, do recurso. Cando o mércores falou de que «se pretende desvirtuar a razón de ser da Academia, que é a defensa do idioma de forma intransixente», os seus afíns interpretan que aludía ao intento dun sector da RAG de que non se presentase o recurso para así tender pontes coa Xunta. Despois de que Axeitos acusara ao ILG e ao Consello da Cultura de presionar para que a Academia non presentase o recurso, o Consello remitiuse ao seu ditame sobre o polémico decreto e o ILG lembrou que xa «manifestou no seu día de maneira pública a súa firme e argumentada oposición ao decreto do plurilingüismo, facendo seus en todos os aspectos a análise elaborada pola Academia Galega».

A orixe da crise

O eterno problema do financiamento. A crise que vive agora a RAG nace, a principios de xaneiro, coas acusacións de enchufismo de familiares de membros da executiva na Academia, que saen á luz cando Ferrín está negociando coa Xunta un financiamento estable da institución que compense a rebaixa da partida asignada polo Goberno central. A cuestión orzamentaria, que se veu resolvendo ano a ano mediante encontros entre Ferrín e Feijoo, segue pendente dunha solución definitiva que permita á RAG manter o seu funcionamento ordinario á marxe dos cambios de rumbo en San Caetano. Para o presente ano, a Academia recibirá arredor de 900.000 euros en subvencións do Goberno central, a Xunta e corporacións locais.

As vías da reconciliación

Conversas entre os diferentes sectores. Pese a esta paisaxe de loitas internas e á fractura aberta coa dimisión de Ferrín, desde a tarde do mércores houbo conversas entre os afíns a Ferrín e os críticos coa súa xestión. Estas negociacións, que se desenvolveron en Santiago e na Coruña horas antes do plenario, permitiron que a reunión se celebrara dentro dunha certa corrección e abriron as primeiras vías de diálogo para unha futura reconciliación dos dous sectores.