Emmanuel Carrère, autor de culto en Francia, gaña o premio Casino de Santiago

j. gómez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

03 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O escritor francés Emmanuel Carrère gañou a décima edición do Premio de Novela Europea Casino de Santiago pola narración De vidas ajenas, editada en tradución para o castelán por Anagrama. É un «autor de culto en Francia», segundo indicou o vicepresidente do Casino, Ubaldo Rueda, quen é bo coñecedor da actualidade literaria francesa, pola súa profesión, pois é profesor de francés.

O premio ten unha dotación de 3.000 euros e tamén a tradución ao galego, patrocinada polo Concello de Santiago. Agora vai ser contactado o autor e a idea é que o acuda a recibir en persoa a Compostela no outono, como aconteceu en edicións anteriores. Por esta obra Carrère xa gañou antes o premio Globe e outros galardóns, entre eles o de mellor narrativa do ano segundo o recoñecemento da prensa francesa.

Non gañou o favorito

Rueda admitiu que foi «unha sorpresa», pois polas sondaxes previas parecía que Javier Marías era o favorito, por Los enamoramientos, que de feito ficou en segundo lugar. A gañadora recibiu o 57,74 % dos votos, polo 20,06 % da de Marías. Con el agua al cuello, do grego Petros Márkaris; La acabadora, da italiana Michela Murguia; e Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, seguiron xa a distancia nas votacións.

En total foron contados 116 votos. Para a decisión son ponderados tres xurados: o público de Compostela, que pesa un 30 %; as persoas socias do Casino, un 20 %; e nove máis -a maioría docentes, aínda que tamén algún empresario e xornalista- como representantes de institucións e entidades da cidade, que contribúen co 50 % restante. A abordaxe de problemas familiares ou da doenza, e o tratamento con dureza que da ás entidades financeiras, foron elementos que interesaron especialmente ao xurado de Compostela, segundo se indicou.

Deste modo, nunca un autor que elabore os seus textos en lingua galega ou castelán gañou este premio, e nas dez edicións sempre venceron traducións para o castelán. Rueda resaltou que o galardón é do agrado dos autores, segundo salientaron os que xa o recolleron, pois é dos poucos en que intervén tan directamente o público, e «ao haber tres xurados non se pode manipular», dixo.