O cine galego máis recente obtén premios pero non se exhibe
18 jun 2013 . Actualizado a las 09:55 h.Ao cine galego máis recente vaille moito mellor nos festivais que nas pantallas. Como caso máis recente, O Apóstolo fíxose co premio do público nun dos festivais de animación máis importantes de Europa, en Annecy, Francia.
A longametraxe de Fernando Cortizo é só a máis recentemente premiada, pero nas últimas semanas varias cintas galegas tiveron papel destacable en festivais europeos. É o caso de Xavier Bermúdez, que fixo de O ouro do tempo a primeira película galega en participar nun festival de clase A como o que se celebra en Karlovy Vary, na República Checa.
Nesta lista recente de destaques, tamén hai que sinalar os galardóns obtidos nos festivais galegos. No caso do vigués Primavera de cine, dúas longametraxes con premio: o de mellor película para O segredo da Frouxeira, de Xosé Abad, e A casa da luz, de Carlos Amil, que recibiu o premio como mellor película infantil. Na primeira edición do festival Camiño de Santiago, a película Inevitable, de Jorge Algora, tamén se fixo co premio do público e co da mellor interpretación masculina para Darío Grandinetti.
Xurxo Chirro, Pela del Álamo ou Eloy Enciso son realizadores que, nos últimos tempos e desde o documentalismo, teñen obtido premios en festivais como do conseguido por Arraino, do último dos tres, no festival de Buenos Aires.
Pero o recoñecemento dos festivais internacionais non se está traducindo en máis exhibición na casa. Para Fernando Cortizo, director de O Apóstolo, o recoñecemento nos festivais internacionais da súa longametraxe de animación está servindo para «negociar distribución en Francia ou en China», pero a experiencia da longametraxes en salas comerciais foi mala porque, segundo Cortizo, «tras ter contrato para estrear en 90 salas só se estrenou en pouco máis de 20».
Cortizo atribúe esta negativa das distribuidoras a exhibir cine feito en Galicia a que as distribuidoras e as franquicias de exhibición «están en mans de multinacionais norteamericanas que só queren estrear o seu cine, cada semana un éxito e non deixan oco para nada máis». Engade que o interese é nulo «con ou sen premios» porque «mesmo co éxito que tiveo nos Mestre Mateo, non foi posible reestrear a película».
Cortizo apunta que, no caso de Francia, hai «complexos de exhibición nos que só poñen cine francés». Para o director o problema non está nos espectadores porque, segundo conclúe, «cando se exhibe a película, a xente sae contenta, pero en Galicia hai que andar buscando circuítos alternativos».