O día 15 remata o prazo para os Relatos de Verán

redacción / la voz

CULTURA

Un lector electrónico e un iPad mini, premios das dúas categorías

08 jul 2013 . Actualizado a las 10:58 h.

O próximo luns, día 15, remata o prazo de admisión da décimo cuarta edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia. Unha convocatoria na que poden participar todas as persoas que o desexen con textos tanto en galego como en castelán.

O premio ten dúas categorías: a destinada a menores de 15 anos (incluídos), e outra para quen participe superando esa idade. Os orixinais para presentar non deberán exceder as 25 liñas mecanografadas a corpo 11, o que supón uns 2.100 caracteres incluíndo os espazos.

Xunto co relato, os interesados deben incluír os seus datos, copia do DNI, teléfono, profesión, enderezo postal e unha breve indicación biográfica xunto cunha fotografía tamaño carné. Para os participantes menores de 15 anos, os datos deberán ser remitidos xunto cos dos seus pais, ou titores legais, aceptando a participación e a publicación do texto do menor de idade.

Premios

A convocatoria ofrece premios por cada unha das categorías. A gañadora ou gañador recibirá un libro electrónico Papyre 601 6??. Para os adultos, o premio previsto é un iPad mini 16 GB + 4G. Un xurado elixirá entre os relatos recibidos cales serán publicados ao longo do mes de agosto en La Voz de Galicia e en lavozdegalicia.es, ao mesmo tempo que se publica a novela por entregas. Ademais, os lectores poderán votar os relatos que máis lle gustan en calquera das categorías. Para votar é necesario contar cun cupón que tamén será publicado no xornal. Entre os votantes sortearase un lote de libros da editorial Biblos. Os gañadores daranse a coñecer no vindeiro mes de setembro. As bases completas desta convocatoria poden ser consultadas na web de La Voz de Galicia.

Os interesados en participar deberán remitir os seus textos ao enderezo postal «14.ª Edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono Industrial de Sabón (15142) Arteixo (A Coruña)», ou ao correo electrónico relatos@lavoz.es. A recollida de orixinais para calquera das categorías permanecerá aberta ata o vindeiro día 15, incluído.