Galicia recoñece a Díaz Castro como poeta «que vai permanecer»

CULTURA

Os académicos salientan o seu dominio da lingua e a súa fonda cultura

18 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A obra de Xosé María Díaz Castro é unha «depurada e intensa» poesía «que vai permanecer». Así definiu o académico Xosé Luís Franco Grande a creación do autor de Nimbos na sesión que a Real Academia Galega celebrou onte en Guitiriz, concello natal do escritor. O coñecemento da cultura clásica e a formación relixiosa foron piares básicos para o seu labor, como subliñou Franco Grande.

Nun día como o de onte non se deixou de lembrar que Xosé María Díaz Castro só deu ao prelo unha obra en vida, Nimbos. O académico Darío Xohán Cabana, que comentou a relación persoal mantida con el cando volveu de Madrid a Guitiriz, afirmou que era un libro «excepcional» e que xa fora considerado así por escritores e críticos ao publicarse.

O autor de Galván en Saor non só lembrou a súa amizade con Díaz Castro, senón que ademais fixo, no seu discurso, un percorrido pola vida do autor: os poemas publicados nos anos trinta do século pasado, a relación con Aquilino Iglesia Alvariño -que foi, coma el, alumno do Seminario de Mondoñedo-, a súa inclusión en antoloxías de poesía e os derradeiros anos, pasados na Terra Chá cunha admiración de poetas máis novos que non afectaba á sinxeleza nin á humidade que o caracterizaban, foron trazos salientados por Cabana, que considerou «moi fermosa e moi conmovedora» a súa poesía.

Para Xosé Luís Regueira, na poesía de Díaz Castro hai un «maxistral» emprego do idioma. O filólogo chairego considerou que Nimbos se caracteriza pola presenza dunha «depurada» linguaxe, con pegadas da comarca chairega pero cun coidado na construción dos versos que o levaba a usar tamén palabras doutras zonas.

Gran festa

A palabra, mesmo dunha maneira menos referida ao poeta protagonista do día e algo máis abstracta, foi tamén citada polo presidente da Real Academia Galega como eixe da xornada de onte. Xesús Alonso Montero definiu o día como unha gran festa do mundo das palabras e situou a Guitiriz como capital dese territorio. Cómpre recoñecer que tal capitalidade non pasou inadvertida para os veciños, pois os dous actos de onte, que tiveron lugar no CEIP Lagostelle e mais na Escola Habanera, contaron coa presenza de numerosos guitiricenses e se converteron en dúas celebracións moi concorridas.

O ton local estivo presente nas palabras pronunciadas polo alcalde, Xosé María Teixido, que subliñou a «fidelidade» de Díaz Castro ao seu mundo de orixe, un mundo no que o poeta pasou anos felices cando volveu de Madrid para vivir en Guitiriz. Alfonso Blanco -coordinador da Asociación Cultural Xermolos, amigo do poeta e estudoso da súa obra- fixo fincapé no acougo que lle causara ao autor de Nimbos o feito de ter regresado á terra de orixe, e introduciu, nun día concibido como celebración, unhas pingas de futuro. «Imos seguir traballando polo poeta e por Galicia», anunciou Blanco, que tamén puxo énfase, nun ano no que está a dar conferencias en moitos lugares de Galicia, na boa acollida da obra de Díaz Castro entre a mocidade.

País de palabras

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, escolleu o título dunha obra de Carlos Casares para presentar a Galicia como un país de palabras, destacando que ningunha definición sería «máis acaída» para esta comunidade e engadindo ademais unha expresión bíblica, tomada do Evanxeo de San Xoán: «No principio foi o verbo», dixo. Pero non deixou de situarse na Galicia do 2014 nin de comentar a situación: sen prescindir de Díaz Castro como referencia, afirmou que «os rapaces viven a Galicia que el soñou».

A xornada, presidida por actos oficiais, tivo tamén unha parte máis emotiva. Os tres fillos do poeta viaxaron a Guitiriz dende o País Vasco, onde viven, e participaron no descubrimento dunha placa que lembra a xornada. Un deles, José María, pronunciou unhas palabras nas que amosou o agradecemento da familia por todas as homenaxes que se se lle están a render a seu pai en Galicia este ano.