Val. Madrid, Xaneiro do 2001

CULTURA

Abraldes

Undécimo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo», de Arantza Portabales Santomé

11 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

-Boas tardes, Emilia.

-Chegas tarde Valentina. Encarna, pode retirarse. A miña nora non quedará moito tempo. Polo menos, non ata a hora do té. Imaxino que non queres tomar nada.

-Non, non quero nada. Marcharei cedo. Grazas, Encarna.

En canto a asistenta saíu, Valentina avanzou cara a anciá e sentou na enorme butaca de veludo vermello. Fitou a Emilia Wagner cunha mirada firme e segura.

-Non che dei permiso para sentares.

-Non o necesito. Lémbroche que esta é a casa do meu fillo.

-Touché, Valentina. E eu lémbroche a cláusula do testamento de Matías. Usufruto vitalicio sobre o inmoble ao meu nome. Non necesitarás un avogado que cho descifre, imaxino. Seica estudaches leis antes de ir facer o pendón á televisión, se non lembro mal.

-Resulta incrible o teu dominio da nosa lingua. En fin, obviamente temos moitas cousas que aclarar.

-Se pensas que podes desaparecer da vida do teu fillo e volver cando che pete estás moi equivocada. Durante o tempo que estiveches encerrada nesa cousa, non sei nin como chamalo, eu estiven pendente del. Lewis Campbell- Smith estivo en permanente contacto comigo. E non creas que isto foi doado para o teu fillo, o meu único neto. Estás arruinando a súa vida como arruinaches a de Matías. E non o vou consentir. Roi é a única razón que me queda para vivir. E penso vivir moitos anos. Non o dubides.

-Basta xa - Valentina cortou á vella con ton tallante - non vou perder o tempo en lerias. Xa che dixen que pensaba marchar cedo. Teño trinta e un anos e por primeira vez na miña vida son independente. Libre. E tes razón. Roi é o único motivo que tes para vivir. Así que, escóitame ben, porque non o vou repetir. Non podes comigo, Emilia. Xa non. Pero tés algo que eu non lle podo dar a Roi. Todos eses marabillosos contactos teus e a túa posición. Os Wagner. Eu tamén falei con Campbell-Smith. Non foi para tanto. Roi esquecerá axiña. Pechei ben todas as cláusulas contractuais coa produtora. Falouse moitísimo do adiñeirado empresario co que casei embarazada aos quince anos, pero o apelido non transcendeu. Non poden filtralo nin empregalo en ningún programa. Cedín todos os dereitos da miña imaxe ad futurum, pero o pasado está ben gardado baixo chave. Veño aquí a entregarte esa chave, Emilia. Estouche entregando ao meu fillo. A partir de agora vereime con el só no estranxeiro, lonxe. Catro veces ao ano. Sempre baixo a túa supervisión. Ti serás a súa presenza familiar. A persoa que acuda ás graduacións. A que aparecerá en todos os actos relevantes da súa vida.

Emilia abriu a boca e volveuna a pechar.

-Non o entendo.

-Sei que non o entendes. Non pretendo que o fagas.

-Unha boa nai non renuncia ao seu fillo. Xamais. Non imaxinas a dor de perder un.

-Eu non tiven a culpa do que pasou con Matías. Eu quería a Matías. Sempre o quixen.

-O vello noxento co que casaches por interese? Escoiteiche dicir iso nun programa.

-Val Valdés é un invento, un produto de marketing. Sempre te tiven por máis intelixente. A única verdade que dixen foi que eras unha bruxa desapiadada.

A vella quedou calada.

-Como sei que non volverás para reclamalo? Pretendes que me fíe de ti?

-Os termos do acordo están en mans dos meus avogados. Mañá remitiremos unha copia aos teus. Penso cumprir o acordo. Estamos a falar do meu fillo. Non o esquezas. Que teñas unha boa tarde.

Val saíu da estancia sen volver a vista atrás.

Emilia tocou o timbre para chamar a Encarna. Necesitaba un té. Coller forzas. Tiña oitenta e cinco anos e un adolescente que criar.

Usufruto vitalicio.

Resumo

No ano 1984 un novo profesor, o Padre Roque, chega a Santa Catalina. O mestre aporta unha nova visión aos alumnos do centro, facéndolles cuestionarse todos os aspectos das crenzas impostas ata aquel momento. Tina González, unha alumna superdotada e con moita personalidade, encaixa á perfección con este modelo pedagóxico, a pesar da súa resistencia inicial. Dentro das propostas innovadoras, o Padre Roque propón unha excursión aos Ancares no marco das actividades do grupo de orientación cristiá.