
Duodécimo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo», de Arantza Portabales Santomé
12 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Roi respirou fondo, agradecido de deixar atrás a abafante calor de Madrid. Custáralle convencer a Miriam para que non o acompañase. A estas alturas xa tiña que estar en Ibiza cos seus pais.
Atravesou todos os controis. Non sabía como ía recibilo. Prohibira expresamente as visitas. As únicas novas que lle chegaban dela eran a través de Martín. O avogado rexeitara facerse cargo da súa defensa e encargáralle a causa a especialistas en dereito penal dun prestixioso bufete.
Os últimos tres meses foran un inferno. Ela negábase a dar explicacións. Non se comunicaba con el. Non permitía chamadas. Non respondía ás preguntas de Martín. E non negaba os feitos.
O home que matara chamábase Marcos Leis. Roi non escoitara falar del na súa vida. Ben mirado, non era tan estraño. Polo que a el respecta, a vida da súa nai comezou o día en que casou co seu pai. E case rematou cando saíu de Sobrevivindo.
Tralo concurso, os contactos coa súa nai limitáronse a breves visitas en Saint-Tropez, Londres ou París. Meros encontros de fin de semana nos que se poñían ao día das falcatruadas de Roi. Formaban unha atractiva parella. Parecía a súa irmá maior. Nesas fins de semana, visitaban museos, vagueaban polas rúas e sobre todo falaban moito. Nunca a visitou na súa casa e ignoraba se tiña algunha en España.
Aos vinte e un anos, levouno á sede do grupo LAV e presentouno coma o seu herdeiro. A súa avoa aceptárao de mala gana. Non foi ata que rematou os seus estudos que se incorporou ao grupo LAV, baixo a estrita supervisión de Martín Vila. E alí, coñeceu a unha nova Val. A xefa. Esta Val era menos divertida que a que o paseaba por Europa. Roi sentía a súa ollada constantemente pegada ao pescozo. Cada un dos erros que cometeu na súa aprendizaxe refregoullos diante dos fociños dos demais empregados sen pudor. Non era doado ser o fillo de Val Valdés. Tampouco o era ser o fillo dunha asasina.
Podía asumir que a súa nai matara a un home. Tan só necesitaba saber por que. Martín e Emilia tampouco lle dicían nada. E chegados a ese punto, non lle quedara outra opción que coller un avión. Por iso estaba alí, respirando fondo. Moi fondo.
Entrou na estancia.
-Ola, mamá. Sei que non querías que viñese pero...
-Chsss... Está ben, neno. Está ben. Dálle un bico á túa vella nai.
Roi sorriu ante o absurdo do comentario e abrazouse a ela.
-Por que, mamá? Quen é el?
-Non vou falar diso. Non contigo. Isto é un asunto meu, Roi. Só meu. De verdade. Está ben, cariño, está ben. Non quero que te preocupes. Tesme que prometer que vas facer todo o que che mande Martín. Estou arranxándoo todo. Xa non podo seguir á fronte do grupo. Tés vinte e sete anos, Roi. Chegou o momento.
-Non me importa o grupo. Mamá, mataches un home! Premeditadamente. Admitíchelo. Non me fales do maldito grupo LAV.
-Ese grupo creeino para ti, Roi. O demais non importa agora.
-Si que importa. Quero algunha resposta. Necesítoa. Quen é ese home?
-Un mal home. Isto non ten que ver contigo. Esquéceo.
-Se ten que ver contigo, ten que ver comigo. Como puideches, mamá?
-Puiden, Roi. Simplemente puiden.
Quedaron calados.
-Tés que facer unha cousa por min. Quero que abras dúas contas en Suíza, a nome de Iria e Alfonso Leis, cada unha de quiñentos mil euros. Son os fillos de Marcos. E quero que llos fagas chegar a través da súa nai, Nuria Sierra. Martín ten todos os datos. Dime que te encargarás disto persoalmente.
-Toleaches? Iso é o que vale a vida dun pai? Un millón de euros?
-Iso, Roi, é o que vale a vida do meu fillo.
Resumo
No ano 2001, Val Valdés, flamante gañadora do reality «Sobrevivindo», enfróntase á súa sogra, Emilia Wagner, facendo valer a súa independencia económica. Porén, dado que ten intención de empregar os cartos do premio na creación dun importante grupo empresarial, e a sabendas de que non disporá de tempo para el, Val ofrécelle a Emilia o coidado do seu fillo, renunciando a telo consigo. A pesar das malas relacións con ela, Val confía en que a posición social de Emilia Wagner favorecerá o futuro do seu fillo Roi.