
Vixésimo terceiro capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé
23 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Martín esperouna pacientemente nun bar da zona vella de Santiago, simulando ler un xornal e sen perder de vista a porta da tenda. Ás oito e media en punto, Tamara deixouse ver por fin. Pechou a porta e baixou a fiestra metálica que cubría o escaparate. Martín saíu do bar e acercouse a ela.
-Tamara Couso?
A rapaza xirouse. Decatouse de que era moi nova.
-Quen es? Que queres?
Instintivamente botou a man ao bolso.
-Tranquila. Chámome Martín Vila. Son o avogado de Val Valdes.
Mirouno con incredulidade.
-Déixame en paz. Dille a esa asasina que non quero nada con ela.
Tamara botou a andar esquivando a Martín. El colleuna polo brazo.
-Ven aí en fronte, por favor. Toma un café comigo e deixa que che explique.
-Non me toques! Marcho.
-Trescentos mil euros -díxolle, interrompéndoa -trescentos mil agora e outros trescentos despois do xuízo.
-Que carallo??
-Entra aí e fala comigo. Temos que chegar a un acordo, Tamara. O que pasou xa non ten remedio. Marcos está morto, e nada cho ha devolver. Non es a viúva. Non es nada. Deixa que Val che devolva o que che corresponde. Porque os dous sabemos quen foi a verdadeira prexudicada.
Sen soltarlle o brazo, dirixiuna ao bar.
-Café?
-Cervexa. Como era que te chamabas?
-Martín Vila.
-Explícasme o deses trescentos mil?
-Seiscentos. Trescentos agora e o resto despois do xuízo. Ingresados nun banco, en Andorra. Cando queiras vas ata alí e volves cun bolso de ximnasio cheo de billetes de quiñentos.
-A cambio de que? Non me creo o conto. Sei moi ben a clase de muller que é a túa xefa. Coñecina hai case un ano. Non cho contou? Fun vela a Madrid, cunha carta de Marcos. Eramos uns parvos. Queriamos facerlle chantaxe. Seis millóns. Deus, cada vez que o penso! Non tiñamos nin idea. Pensabamos que só sería cuestión de ir a Madrid, sentarnos diante dela e ensinarlle unha vella fotografía escaneada. Como se a alguén a estas alturas da película lle fose importar con quen se deitaba Val Valdés hai vinte tantos anos. Se xa se deitou con medio país! Estamos no puto século XXI. Todo o mundo se deita con todo o mundo.
-Non me contou o desa visita.
-Non tiña nada que contar. Seguina ata unha cafetería. Achegueime a ela e deille a carta. Ela estaba sentada e eu de pé. Impresiona cando un está preto dela, sabes? Leu os papeis e despois olloume de arriba abaixo. Sabe como facer sentir mal a unha. Fíxome tomar conciencia da miña roupa barata. Fíxome sentir? vulgar. Sucia. Case me boto a chorar e ela sen inmutarse. Nin en pé se puxo. Só me devolveu o sobre e díxome: «Dille a Marcos que nos veremos na cea de Santa Catalina». Nada máis. Lembro que lle preguntei se lle ía dar os cartos. Ela case sorriu e contestoume: «Dareille xusto o que se merece». E parva de min, pensei que sería diñeiro. Así que sei moi ben a clase de filla de puta que é. Tivo exactamente un mes para planificar o asasinato. Un mes. Iso é o que penso dicir no xuízo. Chamáronme a declarar. E fareino.
Martín xa o sabía. A acusación particular exercida polos pais de Marcos Leis tiña toda intención de acabar con Val.
-Tamara, esa declaración non arranxará nada.
-Pois entón máis vale que me devolva o que era meu. Non o farei por menos de tres millóns.
-Un millón -contestoulle el.
Ela bebeu un grolo da cervexa directamente da botella.
-E que é exactamente o que se supón que terei que dicir?
-Dirás que os seguiches esa noite porque non te fiabas deles e estabas celosa. E que viches como Val sacaba unha pistola do bolso e mataba a Marcos. A sangue frío.
Resumo
A piques de comezar o xuízo a Val polo asasinato de Marcos, Roi visita á súa avoa, Emilia Wagner, de cara a conseguir o seu apoio na defensa da súa nai, aínda que sabe que Emilia odia a Val. Porén, a vella accede a colaborar na defensa de Val, xa que se considera en débeda con ela por terlle entregado o coidado de Roi no pasado.
Emilia confésalle a Roi que sospeita que Marcos era o seu pai biolóxico, xa que sempre soubo que non era fillo de Matías, aínda que para ela, Roi é, e será sempre, un Wagner.