
Ángel de la Cruz publica «La escalera de papel», un manual para guionistas, dende a concepción da idea ata comercializar o seu traballo
21 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Como moitos outros espectadores infantís de cine, Ángel de la Cruz (A Coruña, 1963), quería ser o protagonista da película. Pero na adolescencia empezou a ser consciente de que eses diálogos marabillosos que saían por boca dos personaxes que admiraba non eran espontáneos, senón o traballo de quen se atopaban detrás das cámaras, os guionistas. Tras iniciarse no mundo do cine a través dos storyboards e os decorados, De la Cruz ten xa unha longa traxectoria como escritor de filmes, un eido no que destaca o Goya que gañou polo mellor guión adaptado de Arrugas. Ao longo destes anos, en moitas horas de escrita e outras tantas de reflexión sobre o oficio como preparación aos numerosos obradoiros impartidos -algún mesmo en Kirguistán-, De la Cruz creou un método que lle permite abordar de xeito planificado a escrita dun guión. Este sistema, dividido en nove pasos que van dende a concepción da idea ata o libreto final, é a espiña dorsal de La escalera de papel. Los primeros pasos hacia el Goya (Ézaro), e que se presenta hoxe na Coruña (FNAC, 19.00 horas).
Este sistema non só permitiu a De la Cruz acadar numerosos premios co seu traballo, senón un considerable aforro de tempo, como demostra que pasase das 23 reescrituras do seu primeiro guión, El bosque animado, ás tres que só necesitou Arrugas. «Non se trata de ter unha idea e poñerse xa a escribir. Se un vai pouco a pouco, da idea a unha sinopse, unha estrutura, os personaxes, o diálogo, ao final aforrará moito tempo», describe o guionista.
De la Cruz tamén constata, nos moitos obradoiros que imparte, que o interese por contar historias non diminúe, e que hai moito interese en aprender a guionizar. «Nas historias está todo contado, pero o que podemos facer é variar o xeito de contalo; o que importa é a mirada», explica. O seu libro non só dá pautas para facelo, senón tamén para comercializar o produto final, cunha serie de recomendacións das técnicas propias dos produtores e da industria.