A Insua dos Poetas celebrou onte a súa homenaxe anual, centrada nas irmás Pura e Dora Vázquez
17 jul 2016 . Actualizado a las 13:12 h.A Fundación Insua dos Poetas, da que é presidente Luís G. Tosar, poeta e responsable tamén do PEN Club de Galicia, celebrou onte na insua ourensá que lle dá nome a oitava edición da Festa da Palabra. Este ano a conmemoración ten como figuras centrais as irmás mestras e escritoras Pura e Dora Vázquez, que se suman deste xeito a Ramón Piñeiro, Arturo Baltar, o Rexurdimento -representado por Rosalía, Curros e Pondal-, Xosé María Díaz Castro, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor e Francisco Luis Bernárdez, homenaxeados nunha xornada que ten no compromiso social co galego e o medio ambiente o seu obxectivo.
-¿Que destaca das irmás Pura e Dora Vázquez?
-Foron dúas pioneiras na escrita de muller, así como en xéneros que agora gozan de gran relevo nas nosas letras, como a literatura infantil e xuvenil, non só a narrativa, senón tamén a poesía e o teatro. E como mestras, nun tempo no que outros poñían os nenos a cantar o Cara al sol, elas preparábanlles obras de teatro e recitaban a Rosalía. Pura tivo unha presenza literaria maior, nas súas etapas en Madrid e Venezuela. Este era o momento axeitado para que se lles fixese unha homenaxe.
-As personalidades homenaxeadas inspiran un grupo escultórico. Este ano a novidade é que o de Pura e Dora fíxoo vostede.
-O mellor poema que eu lles podía facer eran unhas pedras labradas, de carácter simbólico. Eu quixen de novo ser escultor, unha vocación que recuperei nos últimos tempos. De feito, no ano 1969 participaba nun grupo de vangarda en Vigo co presentador do acto, Antón Lamazares. Daquela eu vivía en Vigo e con 17 anos achegábame a pé, para aforrar os cartos do tranvía, ao obradoiro do mestre Camilo Nogueira Martínez, e logo asistín ás súas clases na Escola de Artes e Oficios. Cheguei a facer unha exposición. Tiña vocación polas formas, os espazos, os volumes.
-O galego entendido como patrimonio de todos é a cerna da filosofía da Festa da Palabra...
-Na Insua funciona a irmandade, un concepto fundamental no pensamento galeguista. A festa non é un acto elitista, senón que participan todos, escritores, artistas, paisanos e veciños. É unha lección que lle damos, creo, aos políticos. O galego é o que cohesiona e dá sentido á festa, entendido como patrimonio común. Nesa liña, vimos de acordar que se lle dediquen os actos do 2017 a Carlos Casares, a quen se lle dedica o Día das Letras.
Entrega de galardóns
No acto, que contou con Víctor F. Freixanes como mantedor, entregáronse premios á escritora Inma López Silva (creación literaria), a Irmandade Galega de Venezuela promoción exterior), o centro de estudos Chamoso Lamas (conservación do patrimonio), as Adegas Cachín (acción económica) e a Xan Fernández Pinal (xornalismo). foto Antonio cortés