Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O mundo real

Blanca Riestra

CULTURA

Cuarto capítulo da novela por entregas Noire Compostela de Blanca Riestra

04 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Tolo petou na ventá da pensión do seu colega. Era unha das derradeiras tardes de marzo. Ía moito frío. Pola rúa tan só circulaban un par de borrachos morriñentos e algún peregrino desnortado. En días coma aquel, un daba en rememorar as lendas que pintan o mes de marzo coma un mes de tolemia e desespero.

Viñeran os parciais pero nin el nin o Xurxo daban unha figa. Facía meses que desertaran dos anfiteatros do campus norte. Pasaban os días diante do ordenador, falando entre eles, e con outros noutros lugares que sabían máis que eles. Apenas se vían na rúa, non frecuentaban as tascas de sempre, os salóns de xogos. Parecía que a conversación fose máis doada diante da pantalla, que prestaba aos seus diálogos un marco confortábel, difícil de reproducir na realidade.

-A realidade está sobrevalorada -dicía Xurxo- A realidade é unha morea de tipos facéndose pallas.

-Tamén o mundo virtual -respondía o Tolo.

Nos bares botaban de menos o teclado, as emoticonas, os silencios.

O Xurxo tardou uns intres en abrir a ventá. Escoitara apenas o petar do Tolo. Tiña unha face esbrancuxada, parecía que viña de ver un espectro. Na Algalia de Abaixo corría un vento xélido, xa caía a noite. Xurxo díxolle de entrar, e o outro entrou reprimindo o noxo, no cuarto perfumado de tabaco.

-E logo?

-Ren.

-Pero terás novas da chica.

-Que vou ter. Onte seguina ata o seu barrio. Botoume coma a un ladrón.

O Tolo fitou o seu colega e viu na súa ollada algo preocupante. Cercos mouros aureolaban as súas pálpebras. Falou de vagar, coma se lle custase moitísimo moldear as verbas na súa boca.

-Pillaches máis.

-Non, sobrevivo cos restos.

Sobre a cama de matrimonio había libros, un par de revistas porno amoreadas a modo de documentación dun traballo de Lingüística, dixo Xurxo. O Tolo sacou as botas e sentou sobre a colcha.

-Cando vai ser?

-Cedo.

-Tes os materiais?

O Tolo expuxo unha bolsa de plástico onde Xurxo viu un par de coitelos de matanza. Uns eran moi grandes e outros máis pequenos. Pesaban. Había un pequeno cun mango de plástico amarelo. Xurxo meteunos embaixo do catre.

Non comentaron máis nada, para que.

Logo, invitou ao Tolo a conectarse con el a Forge of Empires. Durante catro horas, os rapaces gardaron silencio, mentres xogaban. Nos corredores da pensión oírase barullo, portas batidas, unha radio, as risas dun par de raparigas que viñan de cear no comedor. Eran dúas viguesas estudantes de Maxisterio. Ben bobas.

Pero esa idiotez era o mundo real, pensou o Tolo. Unha das contrapartidas do mundo real.

A iso das dez, a caseira pasou un par de veces. Petou na porta do fondo. Non obtivo resposta, o tipo do fondo adestrábase en atletismo ou fútbol, algo así. Cando cansou, a caseira foi petar no cuarto contiguo ao de Xurxo.

Os rapaces escoitaron. A inquilina abriu. Quería que pechase a ventá. Ía frío. Os rapaces bisbaron. Esperaban. A caseira ficou uns minutos diante da porta do Xurxo sen decidirse a petar. Onte recibira unha chamada da nai do rapaz -cousa moi rara, os pais do rapaz non chamaban nunca-. Dixéronlle que Xurxo non volvera a casa, a Lugo, dende había meses e a familia estaba preocupada. Sabía ela se estaba a estudar? Ela díxolle que non tiña total seguridade pero que coidaba que era un rapaz serio. Mentiu. Tan só o vía entrar e saír, ás veces, poucas veces, con bolsas de plástico con dirección ao Froiz ou ao bar da rúa do Hórreo. Non sabía.

Logo duns intres, convencida de que probablemente Xurxo non estaba, a patroa continuou o seu camiño. O marido chamábaa dende o interior.

Resumo

Dafne volve a casa logo de que peche o bar no que traballa. Mentres camiña, esperando que ninguén a recoñeza pois non ten gañas de troula, vai repasando os últimos acontecementos. Aínda non sabe o que facer da súa vida. Danlle medo moitas cousas, entre elas, a tolemia do Xurxo que, non hai moito tempo, deu en ameazala. É de noite e Dafne vaise acercando ó seu piso en República Arxentina, sen poder evitar certa aprehensión. Sempre teme atopar alguén ollando para ela dende a ventá do seu piso.